8 de marzo o día das Nacións Unidas para os Dereitos da Muller e a Paz Internacional
En 1977, tras a celebración do Ano Internacional da Muller en 1975 e durante o Decenio das Nacións Unidas para a Muller (1976-1985), a Asemblea Xeral das Nacións Unidas invitou a todos os estados a que proclamasen o día 8 de marzo como Día das Nacións Unidas para os Dereitos da Muller e a Paz Internacional, data que xa viña celebrándose desde 1975.
Mediante a resolución 32/142 a ONU exhortou a todos os seus membros para que continuasen contribuíndo a crear condicións favorables para a eliminación da discriminación contra a muller e para a súa plena participación en condicións de igualdade no proceso de desenvolvemento social.
O Concello de Narón, responsable das políticas de igualdade a nivel local, celebra anualmente este Día Internacional da Muller cun acto - homenaxe a mulleres de Narón no que se recoñece a traxectoria profesional e persoal daquelas mulleres que co seu traballo diario, contribuíron decisivamente ao avance da sociedade naronesa do ultimo século.
Actividades durante o ano 2010 durante o mes de marzo
O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Mª del Carmen Espada, presentaron os actos conmemorativos do Dia Internacional das Mulleres, que se desenvolverán en Narón ao longo deste mes de marzo.
A programación iníciase o dia 5 de marzo coa inauguración da exposición fotográfica “¿Invisibles? Mulleres, traballo e sindicalismo en España de 1939 ó ano 2000”. Será ás 19:00 horas no Pazo da Cultura. O mesmo día se levará a cabo unha charla-coloquio ás 20:00 horas no café-teatro do Pazo, sobre sindicalismo e a loita da muller por incorporarse ao mercado laboral.
O día 8 de marzo, data na que se conmemora o Dia Internacional da Muller, inaugurarase ás 12:00 horas o monumento á muller, que se instalará estos días na Praza da Gándara. Trátase dunha escultura do artista barcelonés David Pérez Marín, gañador do concurso de ideas para a elaboración desta escultura, que contou cun total de 37 participantes.
Nese mesmo acto, o Alcalde dará lectura á Declaración Institucional sobre a Muller, ratificada por unanimidade no pleno do mes de febreiro. Na mesma data se celebrará un concerto musical a cargo de Olga Román, ás 20:30 horas, no Pazo da Cultura. O prezo das entradas é de 5 euros.
As actividades continúan o 9 de marzo coas II Xornadas de xénero e desenvolvemento “Convivindo en equidade”, que se levarán a cabo a partires das 20:00 horas no café-teatro do Pazo da Cultura. Están organizadas pola Rede Social Ferrolterra, formada por Axuda en Acción, Enxeñería sen fronteiras, a asociación cultural Fuco Buxán, a ONG Lena, Mundo Cooperante, e Solidaridade Internacional da Galicia. Ademáis, cóntase coa colaboración da Escola de Teatro de Narón, Homes pola Igualdade, e a Marcha Mundial das Mulleres.
Para o fin de semana do 13 e 14 de marzo está prevista a exposición de artes e oficios de mulleres, da que unha porcentaxe das súas vendas destinarase a unha ONG. Ao mesmo que o monumento á muller, a mostra se instalará na Praza da Gándara.
O programa de actos continúa coa celebración da tradicional Cea da Muller, que terá lugar o dia 26 de marzo ás 21:30 horas no restaurante Casa Becerra, en San Xiao. As entradas poderán adquirise nas asociacións de mulleres de Narón e no Servizo Sociocomunitario Municipal, ó prezo de 23 euros.
Finalmente, a programación rematará coa celebración do Foro de Cidadáns, o dia 31 de marzo, baixo o título “Muller e saúde: ximnasia pélvica e nordic walking”, a cargo dunha fisioterapeuta e dunha diplomada en Pilates. Será ás 17:00 horas na Biblioteca Municipal.
A Concelleira de Igualdade, Mª del Carmen Espada, animou a tódalas mulleres de Narón a participar nestas actividades. Pola súa banda, o Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, destacou a implicación do Concello con todas estas iniciativas e sinalou a importancia de que outras entidades coma ong’s ou asociacións implíquense tamén no fomento das políticas de igualdade de xénero.