Un total de cen nenos e nenas de Narón participan este ano no programa municipal ConciliaEscola Verán.
A concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, desprazouse ao CRA de Domirón, onde se desenvolve esta iniciativa, para visitar aos menores que participaron na quenda da pasada semana.
A edil naronesa destacou a boa acollida que en cada convocatoria ten esta iniciativa, “coa que pretendemos que os pais e nais poidan compaxinar a súa vida profesional coa atención aos seus fillos e fillas, ofrecéndolles a posibilidade de que durante unha semana asistan ás actividades do ConciliaEscola Verán”.
Os nenos e nenas, de entre 4 e 12 anos, realizan entre o luns e o venres –excepto os festivos- actividades educativas relacionadas coa igualdade de xénero, as emocións e o inglés, pero tamén participan en obradoiros de cociña, actividades artísticas e deportivas, manualidades e, se o tempo o permite, realizan algunhas saídas pola zona. Coa chegada do bo tempo tamén desfrutan na piscina instalada no patio cuberto do CRA de Domirón, un espazo no que teñen lugar algunhas das actividades deste programa.
O horario no que se suceden as actividades principais é de 9.00 a 14.00, se ben hai servizo de madrugadores, entre as 7.30 e as 9.00 horas. A media mañá os rapaces e rapazas toman unha merenda, incluída no programa, implicándose de forma activa na súa elaboración.
ConciliaEscola Verán divídese nun total de cinco quendas semanais, con vinte prazas cada unha delas. A primeira tivo lugar entre o 26 e o 30 de xuño, e a última será esta semana, do 24 ao 31 de xullo.