O Concello colaborará coa asociación Daleth no programa “Bolboretas 5.0”

Publicado o 10 de Maio de 2021

A programación comezará na súa quinta edición o vindeiro 30 de setembro

 

 

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, participou nunha reunión por videoconferencia con Elena Barco e Leticia Prada, da Asociación Daleth, para coñecer o programa “Bolboretas 5.0.” basado no empoderamento, motivación, acompañamento persoal, orientación e inserción socio-laboral. As áreas de Benestar Social e Igualdade, presidida esta última pola edil Mar Gómez, interesáronse por esta proposta, que contempla un total de quince sesións que se desenvolverán de xeito presencial e tamén vía telemática e con sesións individuais de acompañamento con cada usuaria. Este programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea e diríxese a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

García avanzou que se presentará o proxecto ás traballadoras sociais do Concello para que as veciñas de Narón que poidan acollerse participen no mesmo, no caso de consideralo oportuno. “A estrutura é por módulos, cun total de cinco nos que se abordarán temáticas como as emocións, os hábitos, o emprendemento, coaching, autoestima, desenvolvemento creativo, entrevista persoal, búsqueda de emprego, empoderamento e mediación intercultural, entre outros, co fin de abordar un amplo abano de aspectos que axuden ás mulleres no seu día a día”, explicou García. 

A edil naronesa recalcou que a través do programa “Bolboretas 5.0.” apóstase por “facilitar a inclusión social e laboral das mulleres a través da motivación persoal, na que se traballará con diferentes técnicas”.

A programación comezará nas vindeiras semanas para rematar o programa, na que xa é a súa quinta edición, o vindeiro 30 de setembro. “Na actualidade das corenta e unha mulleres da comarca coas que traballan, tres son de Narón pero anunciáronnos que poderían ampliar en vinte persoas máis, polo que dende o Concello estudaranse os casos de mulleres que puidesen acollerse a este programa para no caso de que lles interese poidan implicarse activamente no mesmo”, apuntou García.