O Concello foi convidado a participar no Congreso Estatal de Accesibilidad Cognitiva en Cáceres
Os días 19 e 20 de outubro terá lugar en Cáceres o Congreso Estatal de Accesibilidad Cognitiva, que baixo o lema “Queremos comprender el mundo” e impulsado polo movemento asociativo Plena inclusión, ten entre os seus obxectivos garantir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.
Con motivo desta próxima convocatoria as edís de Igualdade, Teresa Sabio, e Ensino, Mercedes Taibo, participaron o pasado martes xunto con persoal de Nuestra Señora de Chamorro na lectura dun documento reivindicativo sobre a accesibilidade cognitiva. En representación da asociación acudiron a presidenta e a xerente, Concepción Lage e Rocío Coira, respectivamente, e integrantes do Grupo de Autoxestión de Chamorro.
Paula Fraga, integrante do citado Grupo de Autoxestión, foi a persoa elixida para ler o manifesto, no que se incide especialmente na accesibilidade cognitiva e universal, como obxectivo para acadar a plena inclusión do colectivo. “La accesibilidad cognitiva es otra vuelta de tuerca para incluír a todas las personas. La accesibilidad cognitiva es una magnífica herramienta para comprender el mundo”, destácase no documento, no que finalmente convidan ao Concello a participar no Congreso Estatal que se celebrará o vindeiro mes de outubro.
Con este evento o Concello de Narón contribúe a dar visibilidade entre a sociedade á importancia da accesibilidade cognitiva, un problema que afecta na actualidade ao 30% da poboación mundial, según datos da Organización Mundial de la Salud. O colectivo inclúe, ademais de a persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, a persoas maiores, estranxeiras con escaso dominio do idioma, con baixo nivel cultural ou menores.
As edís Teresa Sabio e Mercedes Taibo reivindicaron a accesibilidade cognitiva coa lectura deste documento, participando activamente en representación da administración local nesta iniciativa impulsada a nivel estatal e coa que se aposta por defender a igualdade de oportunidades entre os diferentes colectivos sociais, facilitando neste caso a vida das persoas con dificultades cognitivas.