Moción en defensa da sanidade pública aprobada.
Na sesión plenaria de onte saiu adiante por asentemento unha declaración institucional -presentada como moción polo grupo municipal do PSOE- sobre a política do goberno galego en relación á violencia de xénero. No documento apostouse por reforzar e continuar poñendo en valor as medidas no Congreso e no Senado do Pacto de Estado nesta área para erradicar esta lacra social. Así mesmo, rexeitáronse posicionamentos políticos que impulsen a eliminación ou minoración de medidas para a protección das mulleres contra a violencia machista e tamén os acordos con formacións que plantexan suprimir ou reducir medidas de protección das vítimas. A repulsa a todas as manifestacións de violencia, o compromiso coas vítimas, e a tolerancia cero cos maltratadores son outros dos acordos contemplados no documento.
O BNG levou ao pleno unha moción en defensa da sanidade pública, que se aprobou con todos os votos favorables excepto os dos edís do PP, instando á Xunta a rectificar a súa política sanitaria. Entre outras medidas, solicitouse un incremento do orzamento dedicado a Sanidade e o dimensionamento e estabilización dos cadros de persoal, convocando as prazas vacantes en todas as categorías con contratos estables e dignos. Tamén se esixiu a eliminación das listas de espera, un Plan de Mellora da Atención Primaria, a reversión das privatizacións, apostando pola xestión propia dos servizos sanitarios, e a eliminación do copago farmacéutico.
A través de ENE o Grupo Mixto presentou unha moción para solicitar as subvencións da Xunta para contratar a persoas perceptoras do Risga para mellorar a accesibilidade do entorno urbán. A moción rexeitouse, entendendo que o Concello non pode garantir que as persoas en situación de risco ou exclusión que se contraten a través dese sistema teñan os coñecementos específicos para realizar tarefas de accesibilidade, tal e como se requería na moción.
Con carácter urxente presentouse unha moción a través do Grupo Mixto (EU), para reprobar ao exministro de Defensa, Pedro Morenés, polo adiamento e a parálise dos contratos das fragatas F-110 para o estaleiro de Navantia, de cuxo plantel forman parte veciños e veciñas de Narón e doutros concellos da comarca. No documento tamén se insta ao Goberno Central a valorar a posibilidade de denunciar os feitos ante a Fiscalía. A moción aprobouse co respaldo do tripartito naronés (TEGA, PSOE e BNG).
O portavoz de EU (Grupo Mixto) retirou da orde do día antes do pleno unha moción solicitando o estudo de medidas en materia de vivenda e alugueiro para a cidade.