A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Igualdade, Mar Gómez, presentaron o programa “Tempo de verán e conciliación”, que ofrece un total de 79 prazas para favorecer na tempada estival a conciliación da vida familiar e laboral, coincidindo co período vacacional.
Ferreiro avanzou que se trata dunha proposta de balde para a que se poderán inscribir as persoas interesadas dende este luns, día 8 –ás 8.30 horas- ata o 15 de maio –ás13.30-.
A iniciativa, indicou a rexedora local, diríxese a alumnado de entre 3 e 12 anos empadroado e/ou escolarizado no Concello de Narón, cando traballen ambos proxenitores ou un deles se é familia monoparental, entre outros requisitos.
Do total das prazas, nove resérvanse para menores con escolarización en centros ordinarios en segundo ciclo de Educación Infantil e Primaria con necesidades educativas especiais, que contará con profesionais especialistas e tamén con escolarización nun centro de educación especial que teñan unha discapacidade, debendo facer constar esa circunstancia na solicitude, así como os documentos requeridos en ambos casos.
As persoas participantes participarán en actividades lúdico educativas, como xogos populares, robótica, manualidades, xogos ao aire libre… con carácter inclusivo e contidos transversais de educación en valores. O servizo desenvolverase en tres quendas, do 22 ao 30 de xuño; do 3 ao 14 de xullo e do 17 ao 31 de xullo, nas instalacións do CRA de Domirón, no Alto do Castiñeiro.
As diferentes actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, se ben se ofrecerá servizo de madrugadores de 8.00 a 9.00 horas (opcional servizo de almorzo) e tamén de acompañamento ata a recollida ao mediodía, de 14.00 a 15.00 horas (con servizo de comedor opcional).
A adxudicación das prazas realizarase de xeito directo por rigorosa orde de inscrición no caso de que a demanda non supere a oferta ou por sorteo, de rexistrarse máis solicitudes que prazas dispoñibles. Neste último caso haberá dous sorteos independentes, un xeral e outro para as prazas reservadas para inclusión.
As solicitudes poden presentarse a través do Rexistro municipal, da Sede Electrónica ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas.
A información ao completo pode consultarse na Sede Electrónica do Concello de Narón. As persoas interesadas tamén poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108/1109 e 1115). “Animamos ás familias da cidade que precisen deste servizo a solicitalo, co fin de que poidan conciliar mellor a súa vida laboral e familiar durante unha parte do período das vacacións escolares e tamén aproveitando para que as súas fillas e fillos realicen unha gran variedade de actividades de carácter lúdico e tamén formativo”, destacou a alcaldesa.