A segunda edición da “Carreira e Andaina pola Igualdade” organizadas polo Concello e que se desenvolveron a mañá do 5 de marzo de 2023 na cidade foron un éxito tanto a nivel de participación, cun total de 605 persoas, como de público.
As inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara acolleron a saída e a meta das diferentes probas, e tamén a entrega de medallas e premios da carreira absoluta. A alcaldesa, Marián Ferreiro, participou tamén na andaina xunto a outros e outras representantes da corporación local, entre elas a edil de Igualdade, Mar Gómez.
Ás 10.00 horas comezaron a saír os primeiros e primeiras participantes, das categorías sub 16 e sub 18, que percorreron un tramo de dous quilómetros. A continuación, foron saíndo o resto de categorías: a sub 14 e sub 12 ás 10.15 horas para percorrer quilómetro e medio; a sub 10 ás 10.30, cun tramo de 500 metros e a prebenxamín ás 10.45 horas, con cen metros. A alcaldesa da cidade foi a encargada de dar o pistoletazo de saída na carreira absoluta, cun tramo de cinco quilómetros e que comezou ás 11.00 horas e cinco minutos máis tarde o edil de Deportes, José Oreona, fixo o propio para marcar o inicio da andaina.
Á chegada das nenas e nenos que participaron recibiron unha medalla de mans de Marián Ferreiro, da edil Mar Gómez e do edil José Oreona, que tamén entregaron os premios finais ás tres primeiras mulleres e homes que remataron o percorrido das categorías absolutas. Alejandro Rodríguez Rilo, Esteban Díaz Pérez –ambos do Atletismo Narón- e Antonio Méndez Sánchez –Dalle Gas Running Team- foron os tres mellor clasificados, respectivamente, na categoría masculina e Rebeca Soto Viñas –Atletismo Narón-, Begoña Pacio López-O Roxal Running Team- e Helena Peñas González –OPA Ferrol Team Running-: A muller de maior idade que rematou o percorrido da carreira foi Silvia Sánchez Bascoy, nada no ano 1960.
Ferreiro agradeceu “a gran implicación das nosas veciñas e veciños e tamén da xente doutros concellos que se achegaron a un acto tan importante sobre a igualdade” e tamén o labor de todas as persoas que colaboraron como voluntarias e voluntarios para o bo desenvolvemento da proba, e á Federación Galega de Atletismo.