Máis de trescentos escolares de Narón e San Sadurniño participaron na “IV Marcha Ciclista pola Igualdade”
A cuarta edición da Marcha Ciclista pola Igualdade e contra a violencia de xénero foi un ano máis todo un éxito.
Un total de 330 escolares de sexto de Primaria, dos colexios da Solaina, Ayala, Virxe do Mar e Santiago Apóstol e de quinto do da Gándara, de Narón, e tamén de quinto e sexto doutro centro de San Sadurniño participaron o pasado venres nesta actividade, organizada polo Concello naronés. Finalmente sumáronse a esta iniciativa máis nenos e nenas dos 250 previstos nun principio, tal e como indicaron desde a organización. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, reuníronse coas rapazas e rapaces no Auditorio municipal, onde as recibiron con aplausos. Alí a concelleira de Igualdade dirixiuse aos menores agradecéndolles a súa participación e incidíndolles na necesidade de fomentar a igualdade entre homes e mulleres. Finalizada a intervención de Sabio as nenas e nenos presenciaron o espectáculo Maxia pola Igualdade.
Os participantes dos centros educativos de Narón saíron en bicicleta dos seus respectivos colexios sobre as 10.30 horas, se ben os procedentes de San Sadurniño desprazáronse en autobús ata o Pazo da Cultura, onde xa estaban as súas bicis, transportadas en camión ata alí desde o municipio veciño. Unha vez que as recolleron comezaron a marcha xunto co grupos de escolares naroneses, para dirixirse pola rúa Rafael Bárez ata a estrada de Castela, en dirección á Praza de Galicia, para aparcar as súas bicis e entrar no Auditorio sobre as 11.15 horas.
A modo de avituallamento entregáronselles mandarinas e auga nada máis chegar ao Auditorio, para que os ciclistas repuxeran forzas. Tras ver o espectáculo Maxia pola Igualdade, sobre as 12.00 horas os escolares colleron de novo as súas bicicletas para iniciar o percorrido de regreso aos seus colexios, se ben os de San Sadurniño se dirixiron ao Pazo para deixar as súas bicis nun camión e subirse de novo ao autobús que os levou de regreso ao seu concello.
A concelleira de Igualdade agradeceu en nome do Concello a participación do estudantado de Narón e San Sadurniño e a colaboración dos centros escolares, así como dos integrantes do Moto Club Fojeteiros e do Clube Ciclista Clásicos BikeWork que acompañaron ás rapazas e rapaces no percorrido, xunto con algúns pais e nais e persoal docente dos centros, entre outros.