Preto de medio cento de rapazas e rapaces participaron nos dous programas de conciliación impulsados dende o Concello con motivo das vacacións de Semana Santa: “Recupera: Narón por un consumo responsable” e o Campamento de Semana Santa.
Os edís de Mocidade, Pablo Mauriz; Deportes, José Oreona, e Igualdade, Mar Gómez, e a responsable do Servizo Sociocomunitario da cidade, Mercedes Taibo, desprazáronse na xornada de onte á Casa da Mocidade e ao colexio da Gándara para despedir aos participantes nestas iniciativas.
Os representantes do goberno local aproveitaron a visita para coñecer de primeira man as impresións das rapazas e rapaces que participaron na convocatoria. Todos eles tiveron a oportunidade, en función de cada unha das propostas, de implicarse activamente nas diferentes propostas, todas elas de balde, que se sucederon os días 11, 12, 13 e que remataron na mañá de onte.
O consumo responsable, o coidado do medio ambiente, a reciclaxe de roupa, roteiros de sendeirismo pola zona e obradoiros de creación de personaxes con materiais reciclados foron algunhas das propostas do programa “Recupera: Narón por un consumo responsable”, organizado dende a Concellería de Mocidade.
En canto ao Campamento de Semana Santa, ofrecía a maiores servizo de madrugadores e de acompañamento ata a recollida ao mediodía. Os participantes centráronse en contidos educativos transversais, prestando especial atención na educación para a paz e a non violencia, a igualdade de xénero, a diversidade e o coidado medioambiental, entre outros temas.