A edil de Igualdade, Teresa Sabio, destacou o éxito da iniciativa
A iniciativa, pensada para a conciliación da vida laboral e familiar, desenvolveuse en xuño e xullo na área medioambiental do Río Xuvia, en Pedroso.
Un total de 125 nenos e nenas de Narón participaron este ano no programa municipal ConciliaEscola Verán, desenvolvido entre os meses de xuño e xullo na área medioambiental do Río Xuvia, en Pedroso, e cuxo obxectivo é axudar á conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas da localidade. A edil de Igualdade, Teresa Sabio, destacou o éxito da iniciativa e valorou a posibilidade de ofrecer este tipo de actividades aos menores do municipio, “porque durante dous meses das súas vacacións escolares poden gozar durante as mañás dun tempo de ocio e tamén de aprendizaxe –en quendas de cinco días, de luns a venres- con outros nenos e nenas mentres os seus pais e nais cumpren coas súas obrigas laborais”.
A Concellería de Igualdade de Narón promove esta actividade, subvencionada pola Deputación da Coruña e na que tamén se ofrece servizo de transporte gratuíto desde a zona urbana e rural.
A área medioambiental do Río Xuvia acolleu unha gran variedade de sesións educativas, entre elas obradoiros de cociña e deportivos e tamén un aula da natureza, con itinerarios medioambientais polas inmediacións do río Xuvia. Todas elas se dirixían a nenos e nenas de entre catro e doce anos e tiveron lugar en seis quendas semanais que comezaron o 22 de xuño e remataron o 31 de xullo.
O Concello de Narón convoca varias edicións deste programa ao longo do ano, coincidindo cos períodos vacacionais dos rapaces e rapazas aos que se dirixe, como son os de Semana Santa ou Nadal. A iniciativa desenvolveuse en xornadas anteriores noutras ubicacións da localidade como Aldea Nova, en Sedes, ou a Casa da Mocidade, na Gándara.