A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida por Mª del Carmen Espada, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, ven de organizar unha exposición titulada “Elas sempre están”, que se poderá ver no Pazo da Cultura de Narón do 17 ó 30 de setembro
A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida por Mª del Carmen Espada, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, ven de organizar unha exposición titulada “Elas sempre están”, que se poderá ver no Pazo da Cultura de Narón do 17 ó 30 de setembro. O horario para visitar a mostra é de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados pola mañá.
Esta exposición nace coa idea de visibilizar o traballo das mulleres no ámbito do rural, e enmárcase dentro do Plan de Igualdade das Mulleres de Narón, deseñado polo goberno municipal naronés para esta lexislatura.
A exposición “Elas sempre están” está composta por 15 fotografías da artista italiana Elisa Gianni, acompañadas por un poema da galega Lucía Ardao. Deste xeito, únense a poética da imaxe e da palabra para facer visible a gran valía das mulleres do rural galego.
As instantáneas son retratos de mulleres en diferentes paisaxes e situacións da vida cotián, naturais e sen artificios.
A poetisa Lucía Ardao plasma sobre o papel a tenrura e admiración que sente por todas esas mulleres anónimas, que seguen realizando o mesmo traballo que antigamente e que, á vez, saben adaptarse ós novos tempos.