O Concello impulsa a campaña “Narón, responde ao reggaeton”

Publicado o 26 de Maio de 2021

A campaña dirixida a adolescentes e para concienciar sobre as violencias machistas neste xénero musical.

 

 

As edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron o 24 de maio a campaña “Narón responde ao reggaeton”, dirixida ás rapazas e rapaces da cidade. O obxectivo desta iniciativa é concienciar e sensibilizar sobre as violencias machistas que se agochan nun xénero musical moi escoitado pola mocidade, o reguetón. As edís naronesas avanzaron que a campaña se dirixe a mozas e mozos de entre 14 e 16 anos e que se desenvolverá maioritariamente nas redes sociais, a través do Facebook do Concello –Concello de Narón- e de Instagram –@creacionmusicalnaron-. 

A edil de Ensino explicou que o proxecto xa se presentou nos centros de ensino de Narón e noutros puntos de afluencia de adolescentes, como a Casa da Mocidade. Así mesmo, indicou que as actividades darán comezo cuns obradoiros de creación musical con perspectiva de xénero, na semana do 7 ao 11 de xuño na Casa da Mocidade e ao aire libre, cunha duración de dúas horas -17.00 a 19.00- e estruturados dun xeito moi dinámico, lúdico e educativo. “Trátase de que as rapazas e rapaces que participen identifiquen os machismos e micromachismos que se agochan nas letras máis actuais das cancións de reguetón e traballen sobre elas para crear unha composición e a letra dunha canción deste estilo musical na que se dea resposta directa aos autores desas letras”. As actividades que se levarán a cabo tamén se poderán seguir a través dun perfil en TikTok, unha das redes máis utilizadas polos adolescentes e nas que se poderán seguir as creacións dos participantes.

Rematados os obradoiros, tal e como indicou Gómez, as rapazas e rapaces acudirán a un estudo de gravación de son profesional no que poderán interpretar a peza musical que elaboren nos obradoiros para, finalmente, participar no videoclip final desta campaña.

Os adolescentes interesados en participar poden inscribirse dende mañá e ata o vindeiro 3 de xuño a través do correo electrónico: creacionmusicalnaron@gmail.com, chamando por teléfono ao número 629 107 169, de Instagram, na secretaría dos institutos locais, na Escola de Música Moderna, ou escaneando o código QR do cartel promocional. A iniciativa, que está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.

A concelleira de Igualdade indicou que “moitos adolescentes escoitan temas de reguetón, o que supón unha importante influencia neles e na actualidade as letras de moitos dos cantantes deste estilo musical están poñéndose en cuestión e levan a realizar cancións resposta, realizadas dende unha perspectiva de xénero e rachando estereotipos para recalcar que se pode facer reguetón feminista”.

Gómez e Taibo animaron ás mozas e mozos de Narón a sumarse a esta iniciativa para sensibilizar tamén dende a música á cidadanía sobre a importancia de rexeitar as violencias machistas en calquera das súas posibles manifestacións.