A Concellería de Promoción Social e Igualdade abre a inscrición gratuita para o obradoiro de cociña saudable
A Concellería de Promoción Social e Igualdade de Narón, dirixida pola edil Teresa Sabio, abrirá mañá 29 de abril, o prazo de inscrición para o Curso de Cociña dirixido a homes. Trátase dun ‘Obradoiro de cociña saudable’ no que poderán participar un máximo de 24 homes maiores de 18 anos. A inscrición é de balde e se realizará no Rexistro Xeral do Concello, en horario de mañá.
Os participantes aprenderán a elaborar receitas saudables e sinxelas, a manipular alimentos e útiles de cociña, técnicas de limpeza doméstica, organización da compra, preparación de alimentos e elaboración de menús.
Os obradoiros levaranse a cabo nos Centros Comunitarios Manuela Pérez Sequeiros e Casas da Mariña, e terán unha duración de 57 horas cada un, divididos en 19 xornadas. Haberá dúas quendas (con 12 alumnos):
- Venres de 17:00 a 20:00 horas no Centro Manuela Pérez Sequeiros (O Alto).
- Sábados de 17:00 a 20:00 horas no Centro das Casas da Mariña (Santa Icía).
Os obxectivos principais deste obradoiro son:
- Aprender diferentes técnicas, habilidades e destrezas no eido da cociña.
- Compartir espazo e tempo entre diferentes xeracións.
- Promover que o ámbito comunitario do Concello sexa un espazo realmente corresponsable.