Un total de 100 nenos e nenas de Narón con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos son os destinatarios deste programa.
Así o recordou a edil de Promoción Social, Teresa Sabio, que anunciou que o prazo de inscrición permanecerá aberto desde hoxe ata o vindeiro 16 de maio. En total desenvolveranse cinco quendas nas instalacións do CRA de Domirón, entre o 26 de xuño e o 31 de xullo.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse nunha das quendas dispoñibles:
- Do 26 ao 30 de xuño.
- Do 3 ao 7 de xullo.
- Do 10 ao 14 de xullo.
- Do 17 ao 21 de xullo.
- E, por último, do 24 ao 31 de xullo.
Concederase unha quenda por participante, salvo que existan vacantes noutras, tal e como indicou a edil, que incidiu en que as prazas se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Os participantes, un máximo de 20 persoas por cada quenda, deberán pagar unha taxa de 8,15 euros e disporán de servizo de bus, con transporte só de volta para o horario de 7.30 a 14.00 e de ida e volta para o de 9.00 a 14.00. As paradas a realizar anunciaranse nunha xuntanza previa ao inicio da actividade pero desde o Concello xa se avanzou que este servizo poderá suspenderse se non hai un mínimo de dez usuarios.
Os nenos e nenas participarán en actividades artísticas e en inglés, e noutras relacionadas coa educación para a igualdade, convivencia, saúde e tempo libre mediante o xogo, entre outras.
As persoas interesadas en inscribirse deben facelo a través do Rexistro Municipal, cubrindo unha instancia que poderán recoller alí ou descargar da páxina web do Concello –www.naron.es- a partir de mañá. O horario de apertura do Rexistro de entrada é de 8.30 a 13.30 horas, de luns a venres. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1113 e 1115).
Sabio animou á veciñanza a participar no programa ConciliaEscola Verán, que ten entre as súas finalidades “facilitar a conciliación da vida laboral e familiar daqueles núcleos familiares nos que traballan os pais e nais dos menores, ou os seus titores, salvo no caso das familias monoparentais”.