
Entregáronse o venres pasado os premios correspondentes ó I Concurso de Carteis conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, entregaron hoxe os premios correspondentes ó I Concurso de Carteis conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O fallo do xurado foi o seguinte:
- 1º premio: “Non deixes que marquen a túa vida” de Laura Fernández Fernández (A Coruña). Premio: 300 €.
- 2º premio: “Non es o seu xoguete” de Maria Isabel Herrero Díaz (Narón). Accesit de 150 €.
- 3º premio: “Estreliña” de Isabel Nuñez Montero (non puido asistir á entrega, e enviaráselle por correo). Accesit de 150 €.
O cartel gañador do primeiro premio estase a utilizar xa como cartel anunciador das actividades programadas con motivo do 25-N.
O xurado do I Concurso de Carteis estivo composto pola Concelleira de Igualdade (presidenta), catro representantes da Comisión de Asuntos Sociais e Igualdade, dous representantes do mundo das artes plásticas, e un técnico do Servizo Sociocomunitario (con voz pero sen voto). Á hora de elixir ós premiados, tiveron en conta o impacto social positivo, a calidade artística e a orixinalidade dos traballos.
A Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, destacou a importancia de que a xente se implique neste tipo de iniciativas “expresando o que pensa sobre este tema, e rexeitando toda clase de violencia de xénero”.
Nos mesmos termos referíuse o Alcalde de Narón, quen engadiu que “Narón dende sempre estivo e está moi implicado na loita contra a violencia de xénero, pero precísase maís colaboración entre institucións para erradicar entre todos este mal da nosa sociedade”, declarou José Manuel Blanco.