Inícianse os actos polo Día Internacional da Muller

Publicado o 02 de Marzo de 2020

O Concello inicia hoxe os actos do programa para conmemorar o Día Internacional da Muller

 

 

O programa de actos deseñado polo Concello para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, comeza a desenvolverse hoxe en varias ubicacións da cidade. A Biblioteca municipal acolle a exposición “Mulleres de onte e hoxe para o día de mañá”, que poderá verse ata o vindeiro 14 de marzo no horario de apertura das instalacións. Nesta mostra bibliográfica poderán verse diferentes obras tanto na Sala de Infantil como na de adultos, entre as que se poden atopar: “Rosalía feminista”, de Helena González; “Oito olladas sobre a folga feminista do 8-M”, de Inma López, e “Diario dunha rebelde”, de María Murnau.

Así mesmo, na Axencia de Lectura da Gándara tamén haberá unha exposición, neste caso fotobiográfica, que poderá verse ata o día 13 de marzo. “As mulleres na historia” é o título desta proposta, protagonizada por mulleres que fixeron historia en diferentes campos do coñecemento, as artes, as ciencias, a política… Entre as figuras destacadas nesta mostra están: Clara Campoamor, principal impulsora do sufraxio feminino en España e primeira muller en intervir no Tribunal Supremo; Concepción Arenal, muller coa que naceu o feminismo en España; María Moliner, autora do Diccionario de uso español; Federica Montseny, primeira muller ministra en España e María Montessori, pedagoga e primeira muller médica italiana. Esta exposición poderase ver de luns a venres entre as 17.00 e as 19.00 horas.

A maiores, na Axencia de Lectura e Ludoteca da Solaina realizarase dende hoxe o “Xogo da muller”. Os nenos e nenas que asistan terán a oportunidade de participar na realización dun xogo de mesa a través do que coñecerán o labor de destacadas figuras femininas cun papel relevante na nosa historia a prol da igualdade. A actividade prevista para hoxe terá lugar de 18.00 a 19.00 horas para menores de 7 a 12 anos; mañá será de 18.00 a 19.00 horas para nenas e nenos de 3 a 6 anos e os vindeiros mércores e xovesde 17.00 a 18.00 horas para menores de 3 a 12 anos (faranse dous grupos).

Esta mesma semana, concretamente o xoves, o Concello acollerá ás 12.00 horas o acto central do programa do 8-M. Consistirá na tradicional homenaxe á Muller do Ano de Narón 2020 e no transcurso do mesmo a muller homenaxeada recibirá o recoñecemento da corporación local, tras aprobarse por unanimidade o pasado pleno esta distinción.

O vindeiro xoves 5 de marzo a programación retomarase na Axencia de Lectura da Solaina coa proxección de audiovisuais sobre a figura da muller nos debuxos e videoxogos: “A boneca que elixiu conducir” e “Sexismo nas películas infantís”. É unha actividade para nenas e nenos de 3 a 12 anos e que se levará a cabo de 17.00 a 18.00 horas, e que inclúe un debate tralas proxeccións.

Os actos desta semana rematarán o sábado na Biblioteca do Alto, ás 11.00 horas, co contacontos “Contaba a miña avoa que…”, a cargo de Fátima Fernández. A autora contará a nenas e nenos a partir de 4 anos contos da tradición oral coas mulleres como protagonistas, unhas historias que contan avoas para amosarlles como superar as desigualdades. O prazo de inscrición nesta actividade abrirase mañá a partir das 16.00 horas na Biblioteca municipal.