Eva María Pena Novo nomeada "Muller do Ano 2023" do Concello de Narón

Publicado o 08 de Marzo de 2023
Eva María Pena Novo nomeada "Muller do Ano 2023" do Concello de Narón

O salón de plenos acolleu este mediodía o acto central programado dende o Concello con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, na que estivo acompañada pola edil de Igualdade, Mar Gómez, e outras concelleiras e concelleiros da corporación local naronesa.
    

O pleno do pasado mes de febreiro aprobou o nomeamento da Muller do Ano 2023, unha distinción que ostentará a comerciante local Eva María Pena Novo, propietaria de Calzados Mara, na avenida Souto Vizoso. Eva chegou ao salón de plenos acompañada pola edil de Cultura, Olga Ameneiro, para asistir a unha suposta reunión por unhas axudas ao sector, pero unha vez no salón de plenos a alcaldesa aludiu á data de hoxe recordando que é unha xornada na que cada ano se recoñece o labor e a traxectoria dunha muller de Narón. Ferreiro leu a acta plenaria coa aprobación do nomeamento da Muller do Ano e oficializou o nome da homenaxeada este ano, Eva María Pena.

A alcaldesa aludiu á traxectoria profesional de Eva, empregada do comercio local dende adolescente e na actualidade empresaria tras coller a testemuña de Calzados Mara e formar parte da directiva da Asociación de Comerciantes de Narón entre os anos 2011 e 2020. Ferreiro recordou que con 14 anos a homenaxeada comezou a traballar nun almacén de xoguetes durante dúas campañas de Nadal e no 1984 como dependenta en Calzados Mara, establecemento que pechou no ano 2008 e que levou a Eva María Pena a reabrilo posteriormente mantendo o nome orixinal. En 2009 reabre Calzados Mara na cidade, da que é propietaria e dependenta, consolidando este mesmo ano unha traxectoria de máis de corenta anos atendendo ao público no pequeno comercio local, tal e como recordou a rexedora da cidade.

Trala lectura, Ferreiro deu os parabéns a Eva e amosou a súa confianza en que “esta distinción te faga sentir aínda máis orgullosa, se cabe, desta túa cidade”, rematando a súa intervención reforzando a importancia e a calidade e diversidade do pequeno comercio naronés.

Acompañada por un dos seus irmáns, polos seus pais, e moi emocionada dende o momento no que entrou no salón plenario, Eva agradeceu o recoñecemento á súa traxectoria e recordou os seus inicios na profesión e o seu primeiro soldo, que a súa nai destinou a comprarlle unha máquina de bordar. Na súa intervención tivo palabras de agradecemento para a familia e para as compañeiras e compañeiros do pequeno comercio local.

A alcaldesa entregoulle unha réplica da escultura “Anduriña”, de Manuel Patinha e a edil de Igualdade, Mar Gómez, un ramo de flores que posteriormente Eva entregou á súa nai.

A homenaxeada acudirá este venres á tradicional Cea da Muller, que terá lugar en Casa Becerra ás 21.30 horas, un acto no que participarán familiares e amizades de Eva, entre outros.

Ao remate do acto no Concello representantes da corporación local desprazáronse á Praza da Gándara para ver a mostra “8M Mulleres de Narón” e tamén con motivo desta xornada se iluminarán de cor malva esta noite as fachadas do Pazo da Cultura, da Casa da Cultura, do edificio do Xulgado e a glorieta de Freixeiro.