Contará coa asistencia do Alcalde e da Concelleira de Igualdade
Hoxe venres ás 12:30 horas, terá lugar a entrega de premios do I Concurso de Carteis conmemorativos do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Asistirán a este evento o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio.
O cartel que acadou o primeiro premio é o que acompaña este artigo e foi realizado por Laura Fernández Fernández. A obra leva o título de "Non deixes que marquen a túa vida", nela predomina a cor malva, asociada ao feminismo; amósanos unha man en primeiro plano que parece querer deter a lacra da violencia de xénero e que nos amosa unha serie de frases e palabras insultantes. Tras desa man, aparece agochada, difuminada, escondida e avergoñada a muller que está detrás deses malos tratos. Sen dúbida trátase dun cartel cheo de contido e moi representativo da temática deste I Concurso.
Ademáis de Laura Fernández, serán distinguidas cunha distinción en forma de Accésit outras dúas mulleres: María Isabel Herrero Díaz por "Non es o seu xoguete" e Isabel Núñez Montero por "Estreliña".
As tres obras e as do resto de participantes estiveron expostas na Biblioteca do Alto durante todo o mes de novembro.