O Concello adhírese á campaña “En Negro contra as violencias”
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, presentaron o pasado venres os actos cos que se conmemorará en Narón o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O pasado luns Ferreiro asinaba en Santiago de Compostela a adhesión do Concello á campaña “En Negro contra as violencias”, iniciativa na que se implicaron un cento de concellos galegos e tres Deputacións e cuxas propostas se inclúen nesta programación.
As actividades que se levarán a cabo en Narón desenvolveranse maioritariamente a vindeira semana, se ben unha delas, unha exposición de traballos realizados por alumnado de sexto de Primaria dos centros educativos de Narón sobre a violencia de xénero, pode verse desde o pasado día 12, e ata o 30 deste mes, nas instalacións do Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros.
Hoxe luns día 19 comezarán varias propostas deste programa. Na Axencia da Lectura da Solaina (ludoteca) comezará ese día a elaboración dun Mural temático contra a violencia machista, unha tarefa que realizarán ese día os nenos e nenas de 7 a 12 anos, entre as 18.00 e as 19.00 horas, e o martes día 20 nese mesmo horario os menores de 3 a 6 anos. Así mesmo, nestas instalacións municipais desenvolveranse Xogos cooperativos contra a violencia, o mércores 21 e o xoves 22 de 18.00 a 19.00 para os nenos e nenas de 3 a 12 anos (en dous grupos divididos por idades). Fóra do horario sinalado poderanse deixar aportacións para o mural naqueles casos nos que os menores non poidan ir no período indicado e tamén se realizarán outros xogos sobre esta temática durante a semana. En todos os casos, para poder participar non é preciso reservar praza pero si estar inscrito na Ludoteca municipal.
Tamén hoxe luns 19 se poderá ver unha mostra bibliográfica sobre Educar no feminismo e na Igualdade como prevención da violencia machista, na Biblioteca municipal, donde permanecerá ata o día 24 deste mes e ás 19.00 horas na Axencia de Lectura da Casa da Mocidade (A Gándara) haberá unha charla sobre Prevención de violencia nas aulas, a cargo de María del Carmen López, psicóloga experta en violencia de xénero da Asociación de Loita contra os Malos Tratos (Almat).
Un ano máis, o Concello organiza unha Marcha ciclista contra a violencia de xénero, o día 22. Uns 350 nenos e nenas de sexto de Primaria de centros educativos de Narón sairán ás 10.00 horas do seu colexio en bicicleta para realizar un percorrido ata o estacionamento do Pazo da Cultura e, desde alí, saír cara ao Auditorio municipal, donde se lles entregará un avituallamento –a base de froita e auga- e unhas chapas e bolsas promocionais da campaña do 25N. No Auditorio asistirán, sobre as 11.30 horas, á representación da obra teatral infantil Nómades para regresar de novo ás aulas sobre as 12.30 horas. Os pais e nais están tamén convidados a esta iniciativa, xunto coas Anpas e voluntarios que realizarán o percorrido.
O propio Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25N, ás 19.00 horas haberá unha performance e batukada na Praza da Gándara (fronte ao Monumento á Muller), organizada en colaboración coa Marcha Mundial das Mulleres.
As dúas últimas propostas da programación de Narón terán lugar os días 26 e 27 de novembro. O luns 26 ás 12.00 realizarase a tradicional ofrenda floral na Praza da Gándara (fronte ao Monumento á Muller). Trátase dunha proposta na que colaboran as entidades do Consello Sectorial de Igualdade e na que se recomenda ir vestido de negro. Representantes da corporación local lerán o manifesto do 25N e colocaran unha camiseta da campaña no Monumento á Muller, donde depositarán tamén unhas flores e no que poderán deixar mensaxes contra a violencia as persoas que o desexen. Finalmente, o martes 27 a actividade trasladarase ás instalacións da Fundación Terra de Trasancos, donde ás 12.00 se lerá un manifesto participativo, con textos redactados por mulleres que participan nas actividades que se programan nas citadas instalacións do Val, e ás 18.00 comezará o coloquio Solucións para a violencia de xénero, impartido tamén por María del Carmen López, de Almat.
No marco desta campaña tamén se enviou unha carta ás diferentes asociacións da cidade e repartiuse material promocional para que o sector do comercio e os axentes sociais do municipio se impliquen activamente na conmemoración do 25N, colaborando coa campaña En Negro contra as violencias, na que participan un centenar de concellos galegos. Deste xeito, tal e como indicou Sabio, proponse “vestir de loito o noso concello, en sinal de dor polas mulleres que sofren violencia e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”. Do 19 ao 25 de novembro solicítase que nos seus establecementos e vivendas coloquen material promocional da campaña, que se pode descargar tamén a través do enlace: https://ennegrocontraasviolencias.gal/#descargas.
A alcaldesa e a concelleira de Igualdade agradeceron a colaboración das persoas e colectivos que se implicaron neste programa e animaron ás veciñas e veciños de Narón a sumarse á mesma, “participando activamente nas propostas que se sucederán na cidade e coas que se aposta por un Narón libre de violencias machistas a través da unión de toda a sociedade para a erradicación desta lacra social”.
Consulta a programanción no seguinte arquivo adxunto.