Aprobada unha declaración institucional polo 25N.
Os grupos municipais que forman a corporación local do Concello de Narón, aprobaron por unanimidade na sesión plenaria celebrada o pasado xoves 24 unha declaración institucional con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia machista na que se recollen as seguintes manifestacións:
- Ratificar o compromiso do Concello de Narón co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero lembrando a necesidade de continuar avanzando no seu desenvolvemento e na súa renovación e actualización, así como o especial papel que xogan os Concellos no mesmo.
- Seguir traballando na ruptura do silencio, a sensibilización e concienciación á cidadanía do problema estrutural da sociedade que supón a violencia machista.
- Instar á mellora na coordinación continua entre os diversos axentes sociais implicados na violencia contra as mulleres. Debemos mellorar a resposta institucional a todos os niveis, evitando o risco de victimización secundaria e mellorando a confianza das vítimas.
- Demandar a utilización de todos os recursos que sexan necesarios na asistencia, axuda e protección das vítimas, os seus fillos e fillas.
- Manter o compromiso do Concello de Narón a seguir impulsando o debate social para que o público deixe de ser privado.
- Os Concellos somos a maioría das veces o primeiro recurso e, en ocasións, o único do que dispoñen as mulleres en procura de reparo e denuncia da violencia que sofren.
- Instar a todas as administracións a dar un impulso á formación dos axentes implicados para garantir unha resposta especializada e integral ás vítimas.
- Demandar da Xunta de Galicia, atendendo aos informes feitos pola FEGAMP, a aprobación dun programa de ampliación e extensións dos CIM, reforzando o financiamento anual dos mesmos de tal maneira que este cubra os custes de persoal e de mantemento, así como o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade.
- Continuar colaborando coas asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista e traballan pola igualdade de homes e mulleres.
- Expresar o apoio do Concello de Narón a todos os actos e mobilizacións feministas convocadas ao abeiro do 25 de Novembro contra a violencia machista.