Continúan os obradoiros de perspectiva de xénero coa gravación do tema “Preme o ÓN”

Publicado o 16 de Xuño de 2021

O obxectivo desta iniciativa é concienciar ás mozas e mozos sobre as violencias machistas que se agochan no reguetón.

 

 

As edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse onte xunto co concelleiro de Mocidade, Pablo Mauriz, á Casa da Mocidade para visitar ás rapazas que participan nos Obradoiros de creación musical con perspectiva de xénero organizados polo Concello. A pasada fin de semana comezaban eses obradoiros que continúan esta semana, concretamente onte co ensaio de voces –de 18.30 a 19.30 horas- e seguirán mañá coa gravación nun estudo da canción “Preme o ÓN” que compuxeron nos obradoiros.

Este venres na Casa da Mocidade, de 17.00 a 18.30 horas terá lugar o ensaio do videoclip que protagonizarán as participantes e que se gravará o sábado pola mañá, co fin de rematar esta convocatoria. Unha vez rematado publicarase nas redes sociais, a través do Facebook do Concello –Concello de Narón- e de Instagram –@creacionmusicalnaron-.

O obxectivo desta iniciativa é concienciar e sensibilizar ás mozas e mozos sobre as violencias machistas que se agochan nun xénero musical moi escoitado pola mocidade, o reguetón. As dúas edís e o concelleiro que onte se reuniron coas participantes destacaron o traballo realizado, xa que tiveron a oportunidade de escoitar en primicia o tema “Preme o ÓN”, do que destacaron o resultado.

A iniciativa está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.