En sinal de apoio ao colectivo LGTBQI e como parte da campaña #ConstruíndoDiversidade
A concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, indicou que a bandeira LGTBQI onderará na xornada de hoxe nun mastro da Casa Consistorial con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBQI, en sinal de apoio ao colectivo.
O goberno local de Narón colabora ademais cunha campaña de sensibilización impulsada pola Deputación da Coruña, apoiando a diversidade e a liberación sexual e que ten tamén entre os seus obxectivos normalizar á comunidade LGTBQI.
A edil naronesa apuntou que nos paneis informativos dixitais localizados nos barrios da zona urbana pódese ler tamén o lema da campaña: “Construíndo diversidade”, e anunciou que durante a xornada de hoxe, as persoas que vaian á Biblioteca Municipal e fagan uso do servizo de préstamo de libros, recibirán unha chapa conmemorativa do Día Internacional do Orgullo LGTBQI e material informativo sobre a citada iniciativa. Este mesmo material entregarse noutras instalacións municipais, como o Centro de Formación Irmás Froilaz, na Gándara; o Centro Manuela Pérez Sequeiros; e ao alumnado das Escolas de Música e do programa ConciliaEscola Verán, entre outros.
“A sociedade debe respectar o principio da igualdade e tolerancia entre as persoas, sen establecer ningún tipo de distinción en función da súa raza, relixión, sexo ou calquera outro parámetro, porque é precisamente a través dese respecto como contribuiremos a normalizar as diferentes comunidades, entre elas a de LGTBQI, que mañá celebra o Día Internacional do Orgullo LGTBQI e á que deste o goberno local ofrecemos o noso apoio e colaboración”, recalcou Sabio.
Podes atopar toda a información sobre a campaña nestas ligazóns:
- Páxina web: www.construindodiversidade.gal
- Facebook: www.facebook.com/construindo diversidade
- Twitter: www.twitter.com/construe_lgtbqi
- Hastag da campaña: #construindodiversidade