Ampliado o prazo de inscrición ata o 13 de xaneiro.
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol ampliou ata o 13 de xaneiro o prazo de inscrición na última edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia.
A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria con 225.000 € sobre 250.000 € do custo total. A convocatoria diríxese a mulleres en situación de desemprego empadroadas nos Concellos de: Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Cabanas, Ares e Mugardos e que cumpran algún dos seguintes requisitos:
- Certificado de discapacidade.
- Risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.
- Vítimas de violencia de xénero.
- Menores de 30 anos con baixa cualificación.
- Estar desempregadas (e inscritas como demandantes de emprego).
O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2022/2023 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral.
Con esa finalidade promóvense accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción...) con accións formativas tanto cualificantes (agricultura ecolóxica, peixaría, cociña, limpeza industrial, comercio, reparación de móbiles, xestión de comunidades virtuais...) como de tipo transversal (preparación para as competencias clave, informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista...).
O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego deste ano é do 35%. Estas accións apoiaranse con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñan menores ou persoas con discapacidade ao seu cargo (e non dispoñan de recursos de apoio) poderán beneficiarse dun servizo de conciliación. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 7€ por día de asistencia ás accións do programa. As mulleres interesadas poden ampliar información en www.comarcaferrolterra.es ou contactar con calquera dos servizos municipais e mancomunados vencellados a este programa (descarga o adxunto para máis información). Para optar a participar deberán cubrir e presentar en calquera destes puntos os seguintes anexos, recollidos tamén na citada web.