A alcaldesa presidiu unha nova sesión do Consello Sectorial de Igualdade de carácter ordinario acompañada pola concelleira de Igualdade, Mar Gómez, e a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García.
Participaron na reunión desta mañá representantes políticos do Concello e as entidades ACADAR, AFINOR, ASCM, Patronato Concepción Arenal e AXF.
Na orde do día tratáronse as propostas municipais para a conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Algunhas destas propostas sobre as que se está a traballar son:
- Obradoiros nos centros educativos para alumnado de 3º e 4º de ESO co obxectivo de analizar co alumnado, dunha forma dinámica e participativa, aqueles contidos que máis consumen a través de videoclips, series, Youtube, Instagram…
- Concurso nos centros educativos para converter unha imaxe nun mural na rúa
- Unha exposición que sexa continuidade da que comezou co 8M do ano 2021 na que se recolla a historia do 25 N, datos relativos á Violencia machista e os recursos existentes a nivel estatal, galego e local e actividades desenvolvidas no concello
- Marcha ciclista virtual contra a Violencia machista e pola Igualdade na que participarían os centros de ensino de Narón
- Acto institucional de lectura do Manifesto contra a Violencia de Xénero e ofrenda floral ante o Monumento á Muller na Praza da Gándara aberto a toda a cidadanía o xoves 25 de Novembro ás 12.00 horas.
- Campañas de sensibilización ás que se suma o Concello de Narón, campañas “Defronte” (Deputación da Coruña) e campaña “En negro contra as violencias” na que participan moitos concellos galegos
Na sesión do Consello tratouse asimesmo o traballo sobre a avaliación do II Plan de Igualdade co que se analizará o grao de desenvolvemento do Plan nestes últimos anos, afondando nos logros acadados e nas dificultades atopadas para chegar a conclusións que poidan ser de utilidade cara a formulación de novas propostas e liñas de traballo para o establecemento do vindeiro III Plan de Igualdade do Concello de Narón.
A maiores, foron tratadas e valoradas outras propostas como:
“CUIDADANAS”, servizo de apoio integral a coidadoras no medio rural (Fundación Mujeres e Deputación da Coruña)
“MULLER EN RED”, dirixido a mulleres maiores de 50 anos, acadando un espazo no que coñecer xente, aprender sobre as novas tecnoloxías, facer actividades diferentes e aprender a coidarse…
Tamén se seguirá a traballar sobre novas propostas como o “Acoso callejero” así como na posibilidade de engadir diversos aspectos que poidan xurdir nas sesións que leven a cabo as entidades.