As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o vindeiro 16 de maio
A concelleira de Promoción Social, Teresa Sabio, explicou que a actividade constará dun total de cinco quendas e que se dirixe a nenas e nenos empadroados en Narón de entre 4 e 12 anos. As instalacións da escola de Domirón (CRA), no Alto, serán o lugar no que se desenvolverá este programa, entre o 25 de xuño e o 30 de xullo. As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o vindeiro 16 de maio a través do Rexistro Xeral do Concello, en horario de 8.30 a 13.30, tal e como indicou a edil naronesa.
- A primeira das quendas será do 25 ao 29 de xuño; a segunda entre o 2 e o 6 de xullo; a terceira do 9 ao 13 de xullo; a cuarta do 16 ao 20 de xullo e a quinta e última, do 23 ao 30 de xullo, contabilizándose 20 prazas en cada unha delas.
- Os participantes disporán de dous horarios, un de 7.30 a 14.00 horas, con transporte só de volta, e outro de 9.00 a 14.00 con transporte de ida e volta, se ben tal e como apuntou Sabio, o servizo de transporte habilitarase no caso de existir un grupo mínimo de dez solicitudes do servizo por quenda.
O programa ConcicliaEscola Verán diríxese a menores de Narón cuxos dous membros parentais traballen e o prezo é o estipulado na ordenanza fiscal número 15, de 8,15 euros por participante e quenda. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e só no caso de que existan vacantes se poderá conceder máis dunha quenda por participante.
“Un ano máis, convocamos este programa de conciliación co que desde o Concello tratamos que as familias da nosa cidade poidan conciliar un pouco mellor durante esas datas a súa vida persoal e profesional”, destacou Sabio, que animou á veciñanza a inscribirse canto antes no programa para poder conseguir algunha das prazas dispoñibles.
Para obter máis información pódese consultar a páxina web municipal (http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/conciliaescola-veran), ou tamén chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1113 ou 1115)