Últimas prazas para anotarse no obradoiro “coidando á coidadora” do “II Plan Municipal de Igualdade”

Publicado o 14 de Decembro de 2016

Aínda quedan algunhas vacantes para o obradoiro “Coidando á coidadora”

A concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, recordou que aínda quedan algunhas vacantes para o obradoiro “Coidando á coidadora”, enmarcado no “II Plan Municipal de Igualdade” de Narón.

As sesións programadas no marco desta convocatoria iniciáronse o pasado 9 de decembro, no centro comunitario das Vivendas da Marina, e estanse ofertando as últimas prazas do total das quince dispoñibles. As prazas cúbrense por rigorosa orde de inscrición.

Neste obradoiro, que se imparte en horario de tarde, de 18.30 a 20.30 horas os venresteñen preferencia á hora de cubrir as vacantes as mulleres maiores de 18 anos, ao ser as que habitualmente desempeñan as tarefas de coidadoras de persoas dependentes, aínda que tamén se poden anotar os homes que o desexen, tal e como apuntou Sabio. 

Os participantes no obradoiro aprenderán durante as sesións, cunha duración total de 48 horas, unha serie de habelencias básicas e técnicas de reforzo psicolóxico para coidadores non profesionais de persoas dependentes.

Os temas incluídos nesta convocatoria son:

 

  • Estratexias de autocoidado.
  • Estratexias para afrontar situacións difíciles.
  • Emocións e sentimentos.
  • Estratexias para mellorar a comunicación.

 

Para anotarse débese presentar a solicitude (dispoñible no Rexistro Xeral) e a fotocopia do DNI no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.30.

As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1113 e 1115).