Mulleres de Narón presenta hoxe a Rosa Anllo, directora de laboratorio.
Mulleres de Narón vaivos ir presentando a diferentes mulleres de Narón, coma ti e coma min, que teñen cousas que contar sobre a súa vida, profesional e personal, sobre a igualdade no traballo, a conciliación...
Hoxe estivemos falando con Rosa Anllo, encargada do laboratorio dunha pranta de reciclaxe de aceites.
Igualdade: Cóntanos un pouco quen é Rosa Anllo.
Rosa Anllo: Nacín en Ribadeo, na mariña de Lugo. Teño corenta anos recén cumpridos. Cando acabei o Instituto marchei para Santiago a estudiar Químicas. Daquela empezaba o programa de intercambio de estudiantes “Erasmus”.Eu apunteime para ir a facer o último curso fóra, pensando que non me ía tocar, e tocoume. Así o quinto curso fíxenno en Glasgow (Escocia) e foi unha das mellores experiencias da miña vida. Cando rematei a carreira decidín quedarme a facer a tesina no Departamento de Química Analítica porque de sempre me chamara o traballo no laboratorio. A tesina é un traballo de investigación de mais ou menos un ano. Unha vez rematado, escríbese una memoria e deféndese diante dun tribunal. Gustoume tanto a experiencia do traballo no laboratorio que pedín una beca e decidín facer a tese doutoral. Estiven catro anos no Departamento de Química Analítica investigando. Como a experiencia de sair fóra gustárame fixen dúas estancias mais no extranxeiro, unha en Alemania e outra en Inglaterra para complementar o traballo. Escribín a memoria e defendina en setembro do ano 2011. Tuven bastante sorte porque xa en decembro empecei a traballar en As Somozas nunha empresa de reciclaxe de aceites usados. Houbo cambio de donos e de nome pero sigo traballando para esa empresa, que agora é Ingaroil S.L.
Igualdade:Cal é a túa relación con Narón?
Rosa Anllo: Cando comecei a traballar en As Somozas non coñecía para nada esta zona de Galicia. Viñera unha vez de excursión co colexio pero era o único contacto que tivera coa costa Ártabra. Ó primeiro collín un piso de aluguer en Ferrol. Uns anos despois cando xa vin que o traballo parecía estable, eu e a miña parella, que traballa cerca de Coruña, decidimos mercar un piso e fixémolo en Narón. Vivimos aquí dende o Nadal de 2004. Pouco despois empadroámonos neste concello e aquí naceron os nosos dous fillos.
Igualdade: Como te definirías como profesional?
Rosa Anllo: En canto ó meu perfil profesional eu quero pensar que son unha persoa eficiente. Gústame facer as cousas ben porque son da opinión de que costa o mesmo traballo facelas ben que facelas mal, porque cando algo queda a medias é complicado rectifícalo. Son entusiasta coas cousas novas e gústame traballar en equipo, paréceme imprescindible facer grupo coa xente coa que traballas habitualmente. Non hai por qué ser amigos pero coido que si que é imprescindible levarse ben, ter confianza no que fai o do lado e crear un ambiente relaxado para que a cousa marche.
Igualdade: Que é tipo de empresa é Ingaroil?
Rosa Anllo: Ingaroil é unha empresa que se dedica a tratar aceites usados de coches e residuos de hidrocarburos procedentes dos barcos, ós que lle chamamos Marpol tipo C. Este Marpol e o aceite póden someterse a dous tipos de procesos. Temos un proceso que ten como resultado final un combustible moi parecido ó gasoil co que facemos funcionar uns motores para xerar enerxía eléctrica que se vende a rede. Tamén podemos sometelos a un proceso mais corto que o que dá é unha especie de combustible parecido ó fuel que vendemos para empresas que teñen caldeiras.
Igualdade: De que te encargas á fronte do laboratorio da pranta de Ingaroil en As Somozas?
Rosa Anllo: O laboratorio é unha parte fundamental da pranta de tratamento. Analizamos tódolos aceites e marpoles que chegan para ver se os podemos aceptar ou non nas nosas instalacións. Despois funcionamos como os “ollos” do proceso analizando os combustibles que imos obtendo para comprobar que todo está indo ben. A maiores tamén vixiamos a parte medioambiental da empresa, coidando que todo estea en regra e as operacións se fagan non contaminando o noso entorno.
Igualdade: Falanos da tua traxectoria profesional e como chegaches a traballar alí?
Rosa Anllo: Entre tesina e tese traballei seis meses cunha beca noutra empresa. Despois fixen a tese e ó doutorarme estiven dando clase na universidade no campus de Lugo. Esto foi pouco tempo porque axiña volvín ó laboratorio cunha beca postdoctoural. Ese período tamén foi corto porque en seguida me fixeron unha entrevista para esta empresa e aquí estou.
Igualdade: Na túa vida profesional atopaches algún tipo de discriminación á hora de acceder a un posto de traballo?
Rosa Anllo: En tódolos sitios hai xente para todo. Na universidade non se nota para nada se es home ou muller porque todo o mundo traballa de ti a ti sen pararse niso. Tamén teño que dicir que eu tiven a sorte de que na empresa tampouco atopei discriminación á hora de conseguilo traballo.
Igualdade: O teu cargo é de certa responsabilidade dentro da empresa, cando tes que dar unha orde a un home notas que lles costa máis asumilas por ser ti muller?
Rosa Anllo: Nunca tiven problema cos meus compañeiros para aceptarme. Eu síntome unha mais da plantilla e a verdade e que non noto que me traten diferente por ser muller en canto a traballo. O que sí que acontece é que hai momentos nos que ves que esperan que fagas cousas ti por ser muller antes ca eles. Por exemplo, se fai falta comprar unha cafetera ou deterxente para a lavadora, sempre veñen a min ou á miña compañeira. Parece que as mulleres levamos implícito o de ir de compras. Afortunadamente, son detalles pequenos que non afectan ó traballo en sí e que cando molestan botámosllelo en cara con risas e acéptano ben.
Igualdade: No voso sector, é habitual a presencia de mulleres en cargos medios e altos?
Rosa Anllo: No meu sector é habitual atopar mulleres ó frente do laboratorio. De feito ata onde eu sei, nas outras duas empresas do polígono que teñen laboratorios tamén os dirixen mulleres. Despois o resto da dirección normalmente son homes.
Igualdade: Tiveches facilidades para conciliar a tua vida familiar coa laboral ao longo da túa traxectoria profesional?
Rosa Anllo: Cando tiven o meu primeiro fillo soliciteille á empresa unha reducción de xornada. Antes traballaba unha semana a xornada partida de 9 a 18:30, e outra semana de 7 a 15. Non me puxeron ningún problema para reducir a xornada laboral. Agora traballo sete horas seguidas de 8:30 a 15:30. Esto facilítame poder deixar ó neno maior no cole e o pequeño na guardería e ir a recollelos despois. Madrugan moito pero temos a sorte de que podemos facelo. Teño que dicir que a parte da cuestión física, psicolóxicamente a conciliación é complicada porque ademais de que o horario che cadre tes na cabeza as tarefas do traballo e por outro todo o referente a supermercado, actividades, xarabes… É un exercicio mental e físico “completo”.
Igualdade: Sabes de máis compañeiras de estudos que estean a traballar? Accederon a postos de responsabilidade similares ao teu?
Rosa Anllo: A verdade é que as miñas compañeiras de promoción están todas traballando. Algunhas quedaron na universidade e outras dan clase en colexios. Tamén as hai que eran moi boas e accederon a postos de moita responsabilidade pero fóra de España. Non é un tópico iso de que moitas veces os mellores teñen que irse para conseguir algo acorde co que son capaces de facer. Eu considérome afortunada porque non é fácil traballar nun laboratorio e encima sen ter que sair da “casa”.
Igualdade: Que medidas cres que deberían adoptarse para que as mulleres podan progresar na súa profesión?
Rosa Anllo: Eu creo que atranco mais grande para as mulleres é o de cadrar os horarios unha vez tes fillos. Sei de xefes que preguntaron se unha posible traballadora estaba en idade de ter fillos ou non porque era un problema para a empresa se se quedara embarazada. Ese é o chip que hai que cambiar. Non son as mulleres soas as que temos fillos, os fillos tamén son deles. Por iso penso que é moi inxusto que te discriminen por iso. Non sei cal é a solución e menos nestes tempos de crise pero probablemente pasaría por axudas ou incentivos para as empresas para que non fora un problema senón unha ventaxa ter persoal por exemplo coma min con reducción de xornada.
Igualdade: Coñeces alguna iniciativa das desenvolvidas polo Concello de Narón en materia de Igualdade?
Rosa Anllo: Hai unha cousa que me gusta un montón que organiza o concello de Narón que é o de “campamentos” ou “obradoiros” para os días en que os nenos non teñen cole pero tódolos demais sí traballamos. Por exemplo, este Nadal poidéronse apuntar para pasar as mañáns en Aldea Nova. Esas iniciativas parécenme xeniais porque realmente o calendario escolar ás veces deixa pouco lugar para a “conciliación da vida laboral coa familiar”, signifique o que signifique esa frase.