O Concello conmemorará ao longo deste mes con varios actos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, acompañada polas edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, animando á cidadanía a participar nas diferentes propostas. A primeira das citas, tal e como recordou Ferreiro, terá lugar este mesmo domingo, coa celebración da “I Carreira pola Igualdade Concello de Narón”, na que están inscritas preto de 400 persoas –o prazo para anotarse remata esta noite ás 23.59 horas-.
Os actos centrais do 8-M terán lugar o vindeiro martes, cando se homenaxeará no Concello á Muller do Ano de Narón. Unha tradicional cita na que se distinguirá a unha muller cuxo nome se fará público ese mesmo día, e na que se destacarán o seu labor e a súa traxectoria. O acto, que presidirá a alcaldesa, terá lugar ás 12.00 horas. Ese mesmo día, a continuación -12.30- representantes da corporación local coa rexedora municipal á fronte desprazaranse á Praza da Gándara para visitar a exposición “Mulleres de Narón”, que terá carácter itinerante durante todo este mes. Tamén visitarán na Praza da Igualdade, a escasos metros da da Gándara, o mural “Narón x Igual”, que realizaron escolares de sexto de Primaria do CPR Santiago Apóstol. Finalmente, na tarde-noite do día 8 iluminaranse de cor malva a Casa da Cultura, o Pazo da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado de Paz.
A programación deseñada dende o Concello inclúe ademais unha mostra que se pode ver na Biblioteca municipal ata o 16 deste mes, titulada “A muller no século XXI”, con libros e outros materiais que abordan a situación da muller no século XXI. Nas citadas instalacións o día 12 deste mes poderase ver o contacontos infantil “Contos vellos, novos finais” -de Caxoto Contacontos- ás 11.00 horas, que versiona o argumento e os finais de contos clásicos e tradicionais para adaptalos ao xeito actual de pensar e vivir. Tamén haberá, do 17 ao 24 deste mes, a exposición de películas de temática feminista “Sesión M: Cine con M de Muller”, que se poderá ver na planta baixa da sección de adultos/as.
Na ludoteca municipal tamén se levarán a cabo a vindeira semana, do 7 ao 11, obradoiros, contacontos, xogos educativos e haberá unha sesión de ludo-cinema na que os menores que acoden a estas instalacións –para nenas e nenos de 3 a 12 anos- poidan traballar en diferentes áreas sobre a temática da igualdade, o respecto e a liberdade. Esa mesma temática centrará os xogos de mesa pola igualdade cos que traballarán na Axencia de Lectura Municipal da Gándara, con menores a partir de 4 anos –mércores 9 de 17.30 a 18.30- e a partir de 7 anos –xoves 10, tamén de 17.30 a 18.30 horas-. “Iguais” e “O misterio dos xogos invisibles” son, respectivamente, os títulos destes xogos, podendo reservar praza dende esta tarde ás 16.00 horas de xeito presencial na Biblioteca do Alto ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.
Na área cultural, mañá mesmo abrirá no Pazo da Cultura a programación da sétima edición do Festival internacional do monólogo teatral “Singular”, que abrirá Magüi Mira, coa obra Molly Bloom -20.30 horas- sobre os principios femininos. Tamén se inclúen no programa do 8M os espectáculos deste festival programados para os días 11, “Música para fiambrería-Un policial verde” -20.30 horas-; 19 “La ciudad de las damas” -20.00-; 25, “Guerra de identidade” -20.30- e 26 deste mes -20.00- “Bravas”, protagonizados por mulleres e que visibilizan a igualdade.
A maiores, alumnado de cuarto de Primaria de oito centros de ensino da cidade participa nos obradoiros “8M Avanzando en igualdade”, que se imparten este mes co obxectivo de dar a coñecer a historia, os fitos en torno a esa data e educar na igualdade, ao tempo que sensibilizar e visibilizar o papel das mulleres ao longo da historia.
A alcaldesa destacou a importancia “de conmemorar esta data, organizando actividades que cheguen a toda a cidadanía e que poidan ter continuidade o resto do ano co fin de seguir avanzando na procura da tan necesaria igualdade real entre homes e mulleres”.