Presentación do videoclip realizado nos obradoiros de creación musical con perspectiva de xénero

Publicado o 28 de Xuño de 2021

As autoras do videoclip  "Preme o ÓN" fan unha crítica ao machismo nas letras de artistas como Maluma, Ozuna e Anuel.

 

 

A alcaldesa, Marián Ferreiro, a edil de Igualdade, Mar Gómez, e o concelleiro de Mocidade, Pablo Mauriz, recibiron a tarde do pasado 22 d xuño no Concello ás autoras do videoclip “Preme o ÓN”, realizado no marco dos Obradoiros de creación musical con perspectiva de xénero organizados polo Concello. A través desta iniciativa, María Sánchez Romero, Leixa Fornos Guzmán e Alma Orozco Echéverri, do IES das Telleiras; Alicia Restrebada Rodríguez, do IES Terra de Trasancos e Anahí Munné Barcia, Sara López Vázquez e Carmen Vega Buyo, de centros de ensino de Ferrol e Fene e alumnas da Escola de Teatro de Narón, protagonizan o videoclip.

A través de “Preme o ÓN”, composta polas rapazas que protagonizan o videoclip, critícanse letras de cancións de artistas como Maluma, Ozuna e Anuel, para realizar unha férrea defensa da igualdade. Os ensaios de voces precederon á gravación no estudo desta canción, un traballo que tiveron que compaxinar co remate do curso escolar. A finalidade deste traballo é concienciar e, ao mesmo tempo, sensibilizar ás mozas e mozos sobre as violencias machistas que en ocasións se agochan baixo xéneros moi escoitados por eles, como é o caso do reguetón.

As rapazas amosáronse satisfeitas co traballo realizado e destacaron a importancia de combatir calquera manifestación de machismo e de sensibilizar á cidadanía ao respecto. O videoclip, que se presentoua mañá do 22 no IES As Telleiras, pode verse a través do enlace: https://www.youtube.com/watch?v=OSR1Huw3R84.

Esta iniciativa financiouse con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.