Obradoiros de Corresponsabilidade

Publicado o 23 de Xaneiro de 2017

Obradoiros específicos para mulleres e homes. Hai 24 prazas

A Concellería de Promoción Social impulsa un programa específico de atención a persoas maiores, en colaboración coas asociacións de maiores das parroquias da localidade, co fin de facilitar a súa socialización activa, a prevención da dependencia e a súa autonomía persoal. Aquelas persoas interesadas que queiran inscribirse deberán presentar un formulario de solicitude –que poden recoller no Rexistro Xeral ou descargar da páxina web: www.naron.es - no propio Rexistro municipal de 8.30 a 13.30 horas, ata esgotar as prazas existentes, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Estas propostas forman parte do programa de Envellecemento Activo impulsado desde a Concellería de Promoción Social do Concello de Narón.

Este obradoiro de Corresponsabilidade, que oferta un total de 24 prazas, terá lugar no Centro Comunitario das Vivendas da Mariña, os luns, martes e xoves, en dous horarios, de 17.00 a 19.00 e desde as 19.00 ata as 21.00.

Unha das convocatorias será específica para as mulleres, que aprenderán tarefas de albanelería, fontanería e electricidade básica, entre outras, como seguridade no fogar, bricolaxe e mantemento do vehículo.

O outro obradoiro de Corresponsabilidade diríxese aos homes, que aprenderán unha serie de coñecementos básicos de lavado, secado, tendido, pasar o ferro, organización de roupa, limpeza de diferentes prendas e superficies, arranxo básico de prendas, coidado de persoas maiores, etc.

A edil de Promoción Social, Teresa Sabio, anima aos maiores da localidade a anotarse nestes obradoiros,cos que terán a oportunidade de aprender dun xeito sinxelo cuestións básicas relacionadas coa vida cotiá, polo que están pensados tanto para homes como para mulleres, apostando así por fomentar a igualdade entre xéneros dun xeito transversal no caso dos obradoiros de Corresponsabilidade”.

A previsión é iniciar os obradoiros o vindeiro mes de febreiro, indicou Sabio.