O Concello organiza un Club de Lectura Feminista de outubro a decembro

Publicado o 15 de Setembro de 2020

As xuntanzas celebraranse dous xoves ao mes durante outubro, novembro e decembro

 

 

A Biblioteca municipal acollerá no último trimestre do ano as sesións programadas nunha nova actividade, o Club de Lectura Feminista. A concelleira responsable da área, Mercedes Taibo, anunciou que o vindeiro día 14 se abrirá o prazo para inscribirse nesta actividade, que conta cun total de dez prazas e que se cubrirán por orde de inscrición. A edil naronesa explicou que para poder participar é preciso dispoñer do carné da Rede de Bibliotecas de Galicia e, en canto ás inscricións, explicou que deberán realizarse na Biblioteca de Narón —de xeito presencial, a partir das 9.30 horas— ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. A actividade presentarase previamente ás persoas inscritas, tal e como avanzou Taibo, que acudirán o día 24 de setembro ás 18.00 horas á Biblioteca municipal de Narón.

"As xuntanzas terán lugar dous xoves ao mes, en outubro, novembro e decembro e na segunda de cada mes indicarase o texto da que se celebrará no mes seguinte", explicou Taibo. As datas programadas para a actividade son o 8 e o 22 de outubro, o 5 e o 19 de novembro e o 3 e o 17 de decembro. "A coordinadora da actividade, Cristina Bajo, será a persoa encargada de seleccionar as lecturas e dende a Biblioteca entregarase aos participantes un exemplar da primeira 'O conto da criada', de Margaret Atwood, se ben para as seguintes poderán facer uso do servizo de préstamo da Biblioteca", indicou.

"Trátase dunha actividade coa que queremos coñecer, reflexionar e compartir opinións sobre diferentes temas e cuestións dende unha perspectiva feminista, lendo obras de diferentes autoras", asegurou Taibo. A concelleira naronesa incidiu no feito de que o Concello pretende "crear un espazo no que o debate sexa construtivo e enriquecedor e a partir do cal se poidan tecer novas redes".