As edís de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, e Igualdade, Mar Gómez, desprazáronse a finais da pasada semana a varios centros de ensino da cidade para entregarlles diferentes xogos cos que poder traballar co alumnado a igualdade de xénero.
En total entregaron vinte e tres xogos en dez centros de Primaria da cidade –Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal e O Val- e trece nos que teñen unidades de Infantil –Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal, O Val, Domirón e Sedes-. Cada un dos colexios de Infantil recibiu unha unidade do xogo “Iguales!”, dirixido a menores de 4 a 6 anos e a través do que se aposta por fomentar valores positivos entre as nenas e nenos como a importancia do reparto de tarefas, os roles, a igualdade, o bo trato…
Así mesmo, cada colexio da cidade con grupos de Primaria recibiu un xogo de “Misterio das mulleres invisibles”, para menores a partir de 7 anos. Neste caso, tal e como indicaron as edís naronesas, o obxectivo de traballar con este xogo nas aulas é recuperar e sacar á luz a importantes mulleres históricas de diferentes épocas e culturas: científicas, inventoras, artistas, exploradoras, grandes líderes… e que lamentablemente permanecen ocultas, esquecidas ou escondidas entre as sombras da nosa historia.
“É moi importante traballar na igualdade de xénero cos nenos e nenas dende idades moi temperás, ofrecéndolles ferramentas axeitadas para que coñezan a importancia da igualdade de xénero e vaian asimilando día a día e aplicando diferentes accións e medidas encamiñadas a acadar esa tan necesaria igualdade social entre homes e mulleres”, destacaron as edís. Taibo e Gómez aseguraron que nos centros de ensino agradeceron a entrega dos xogos e destacaron e valoraron “a implicación do persoal docente para continuar formando ao alumnado nesta materia a través de diferentes iniciativas, neste caso dos xogos”.