O Concello abre o prazo de inscrición no Club de Lectura Feminista

Publicado o 15 de Setembro de 2020

A primeira lectura será "O conto da criada", de Margaret Atwood

 

 

A Concellería de Bibliotecas, presidida pola edil Mercedes Taibo, impulsa o Club de Lectura Feminista, unha actividade que se desenvolverá nas instalacións da Biblioteca municipal e para a que se abre hoxe o prazo de inscrición. Os participantes serán un máximo de dez persoas que deben ter o carné da Rede de Bibliotecas de Galicia e as inscricións poden realizarse na Biblioteca —de xeito presencial, a partir das 9.30 horas— ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. O vindeiro 24 de setembro presentarase esta iniciativa ás persoas inscritas ás 18.00 horas nas citadas instalacións municipais.

As datas previstas para as xuntanzas do Club de Lectura Feminista son o 8 e o 22 de outubro; o 5 e o 19 de novembro e o 3 e o 17 de decembro. O primeiro dos exemplares sobre o que se traballará nas sesións será “O conto da criada”, que se entregará aos participantes. Nas seguintes convocatorias anunciarase previamente a publicación necesaria, que poderán solicitar en calidade de préstamo na Biblioteca.

Taibo recordou que nas sesións se coñecerán e compartirán opinións sobre diversas temáticas, abordadas dende unha perspectiva feminista e partindo de obras de diferentes autoras.