O Café Teatro do Pazo acollerá este xoves a charla “A lei trans a debate”

Publicado o 16 de Xuño de 2021

Enmárcase no programa “Narón pola igualdade e a diversidade sexual” para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI. 

 

 

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro xoves, día 17, a charla “A lei trans a debate”, na que intervirán a política e activista dos dereitos LGTBI Carla Antonelli, e o vogal da Asociación ALAS Coruña, Fito Ferreiro. A cita enmárcase no programa “Narón pola igualdade e a diversidade sexual”, deseñado para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI, que será o vindeiro 28 de xuño. A charla dará comezo ás 19.00 horas e a entrada é libre ata completar a capacidade do Café Teatro. 

Entre os actos programados dende o Concello con motivo do 28-X tamén está a exposición bibliográfica “Armarios de portas abertas” que se poderá ver do 21 de xuño ao 2 de xullo na Biblioteca municipal. Formarán parte da mostra varios libros e outros materiais nos que se visibiliza a diversidade sexual. A primeira semana o horario de apertura será de luns a venres de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00, mentres que a partir do 28 de xuño a Biblioteca abrirá no horario de verán: as mañás de martes a venres de 9.00 a 14.00 e as tardes de luns e mércores de 18.00 a 21.00.

O Día Internacional do Orgullo LGTBI tamén se poderá ver na canle de Youtube da Biblioteca municipal (Biblioteca Pública Municipal de Narón) o vídeo “As biblios cos armarios abertos”, con reseñas de catro libros de diversidade sexual orientados ao público xuvenil. “Cada seis meses”, de Clara Duarte; “Stay gold: no dejes de ser tú mismo”, de Tobly McSmith; “Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s (e non só)”, de María Reimóndez, e “Leah a destiempo”, de Becky Albertalli, son as publicacións sobre as que se centrará a temática do vídeo. A maiores, tamén no Club de Lectura da Bibloteca se lerá e comentará este mes o libro “Señoras que se empotraron hace mucho”, de Cristina Domenech e que recolle a historia de mulleres lesbianas que do século XVII ao XX se enfrontaron ás dificultades da súa época para expresar a súa sexualidade. 

Tamén a vindeira semana, concretamente o 21 de xuño o alumnado do CPR Santiago Apóstol asistirá á proxección do documental “Noche Irisada”, da Deputación da Coruña –que xa viu alumnado do IES As Telleiras- e para reflexionar sobre a loita do colectivo LGTBI en Galicia e a percepción na actualidade da diversidade sexual.

O Concello adheriuse á campaña “Liberdade de sentir” da Deputación da Coruña, sobre a que se pode obter toda a información a través da web: https://seresentir.gal/inicio/gl/. Tamén se sumou á campaña impulsada pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero (DGVG) do Ministerio de Igualdade #ElSexoEsUnSí, para sensibilizar e loitar contra a violencia sexual e a machista a través da mensaxe: “El sexo es un sí. Di no a la violencia sexual. No a la violencia machista” e que se pode consultar a través do enlace: https://violenciagenero.igualdad.gob.es/sensibilizacionConcienciacion/c…