Novo convenio de axudas para abrir microcréditos a mulleres empresarias

Publicado o 08 de Outubro de 2012

Firma dun convenio con Microbank para favorecer novas empresas dirixidas por mulleres

O banco de microfinanciación de La Caixa abrirá unha liña de crédito de 10.000.000 de euros para que mulleres interesadas en abrir o seu propio negocio poidan facelo. A Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, pola súa banda, encargarase de difundir este programa de microcréditos, de asesorar ás mulleres interesadas e de impulsar a consecución dos obxectivos da nova empresa.
O Secretario de Estado, Juan Manuel Moreno, e o presidente de Microbank, José Francisco de Conrado Villalonga, coincidiron na importancia que para o tecido social e produtivo do país ten a muller emprendedora. O Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Juan Manuel Moreno, e o presidente de Microbank, entidade de La Caixa, José Francisco de Conrado Villalonga, asinaron o pasado 21 de Outubro en Madrid un convenio para destinar 10.000.000 de euros ás mulleres que queiran abrir o seu propio negocio ou montar a súa empresa. Serán microcréditos destinados a emprendedoras e empresarias que queiran iniciar unha nova actividade ou leven tres anos co negocio en marcha e cun tipo fixo de interese máximo do 7,5%. Non serán necesarios avais e o prazo de resposta á solicitude de microcrédito non poderá superar o mes.
Coa firma deste convenio, tanto o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, por medio do Secretario de Estado, como Microbank renovan un proxecto que desde a súa posta en funcionamento, en 2001, favoreceu a concesión de 1.169 operacións por un importe de case 16 millóns de euros.
Son datos que Juan Manuel Moreno e José Francisco de Conrado situaron como demostración de que o convenio arroxa bos resultados e como proba de que este ten que continuar no tempo. A Secretaría de Estado que dirixe Moreno, a través da Dirección Xeral de Igualdade de Oportunidades, encargarase en virtude do convenio de impulsar as políticas oportunas para favorecer o autoemprego das mulleres e consolidar os seus proxectos. Tamén dará publicidade do programa e asesoramento a quen estea interesada.
Segundo sinalou o Secretario de Estado ao termo da firma, "Microbank non é só un exemplo de banca", senón tamén de "compromiso social e do que é a colaboración público-privada", fórmula de crecente importancia en España tendo en conta a situación económica que atravesa o país, en palabras do Secretario de Estado.
Ao seu xuízo, os datos que ofrece a traxectoria deste convenio supoñen "un acicate" para manter a colaboración, máis cando o campo de acción ten que ver co emprendimiento feminino. Juan Manuel Moreno avogou por potenciar convenios como o asinado porque con eles, aos poucos, conséguese que haxa máis mulleres empresarias nun ámbito no que os homes son maioría.
O Secretario de Estado considerou que as mulleres representan "un caudal de talento inmenso" que non se pode desaproveitar, e máis en tempos de crise, e por iso apostou por insistir en convenios como os que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade ten cunha entidade que fixo da responsabilidade social o seu emblema.
De Conrado, pola súa banda, lembrou que os microcréditos activados polo banco que preside propiciaron até a data a creación 50.000 postos de traballo, e remarcou que o 80% dos proxectos en cuxo nacemento Microbank presta a súa axuda gozan aínda hoxe de "unha vida económica normal".

Fonte: http://www.inmujer.gob.es/