Narón participa na campaña "En negro, contra as violencias”

Publicado o 10 de Novembro de 2017

A corporación local aprobou por unanimidade no pleno a adhesión do Concello á campaña

A corporación local de Narón aprobou por unanimidade no pleno extraordinario celebrado o pasado 8 de novembro a adhesión do Concello ao protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña “En negro, contra as violencias”, unha iniciativa que ten entre os seus obxectivos sensibilizar á cidadanía contra as violencias machistas implicando a diversos sectores da sociedade.

O goberno local solicitará a adhesión do Concello de Narón ao protocolo de colaboración para organizar conxuntamente unha campaña de sensibilización nesta área coincidindo co Día Internacional contra a violencia de xénero, o vindeiro 25 de novembro, baixo o lema “En negro, contra as violencias”.

Así mesmo, desde as arcas locais destinarase unha partida máxima de 1.000 euros para desenvolver esta proposta, na que participan preto dun centenar de concellos galegos, establecementos e axentes sociais e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, administracións estas tres últimas que editarán e distribuirán entre os municipios participantes o material desta campaña.