Biografía da Muller do Ano 2015
Isaura González Martínez naceu un 12 de setembro de 1956 en Bustelo, unha vila labrega da comarca de Fisterra, na Costa da Morte.
Alí, en Cee, foi ao instituto e cursou Secretariado na Escola de Formación Profesional onde despois quedou a traballar. Logo de casar, viviu un tempo en Lugo onde comezou a estudar a carreira de matemáticas, pero a esas alturas comezaba a interesarlle a área da saúde e decidiu facer o exame para entrar na Escola de Enfermería, conseguindo praza en Santiago de Compostela.
Posteriormente, nunca saberemos se a matronería a atopou a ela, ou ela á matronería, decidiu facer o exame de acceso para esta especialidade e continuar a súa carreira profesional neste eido. Xa cun fillo, o seu primeiro traballo foi na Lama (Pontevedra). Pouco despois trasladouse a Neda. Tamén traballou de matrona nos centros de saúde de Cariño e Ortigueira.
No ano 2004 trasládase a Narón, onde segue a exercer na actualidade, para completar unha carreira profesional de éxito. Pero Isaura non se limita só á matronería no seu horario laboral, pois xa en Neda e agora en Narón fai visitas domiciliarias e dá charlas de educación sexual, fai talleres de masaxe infantil...
En Narón, participou na creación da asociación de apoio á lactación materna, BBTTA, na que foi nomeada presidenta honorífica e colabora co concello en todo o que se lle solicita, especialmente, na atención a mulleres en risco de exclusión social. As súas inquedanzas e o seu afán de superación levárona durante todos estes anos a traballar en distintos campos a prol da muller, a crianza, a atención dos problemas de diafragma da pelve, menopausa, lactación materna, a loita por un parto máis humano, a introdución de clases posparto, a mellora das clases de educación maternal…facendo da súa consulta un ir e vir de persoas con dúbidas, consultas e dificultades físicas e emocionais, e converténdose nun referente profesional na comarca.
Ademais disto, foi vicepresidenta da Asociación Galega de Matronas, pertenceu ao grupo de traballo do Plan de parto para o nacemento do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), colabora con profesionais que traballan para a Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e á Lactación (IHAN) e os Hospitais Amigos dos Nenos e presta o seu apoio a diferentes iniciativas do SERGAS.
Segue formándose e mellorando a súa práctica e coñecementos, así como compartíndoos con outros profesionais e persoas de diversos eidos a través da formación que imparte.
Foi promotora e colaboradora na creación do Comité de Ferrolterra de Unicef. É unha persoa comprometida que trata de axudar e apoiar en todas as ocasións que se lle presentan e é imposible poñer en dúbida a súa vocación e a súa sensibilidade ante calquera dificultade. Comprometeu a súa vida ao apoio das nais, familias, bebés e nenos en todos os eidos, obtendo unha gran satisfacción laboral e o apoio e a valoración de pacientes, compañeiros de traballo e veciños da comarca.
Cunha grande intuición, anos de experiencia e empeño, segue a facer o posible cada día polos habitantes de Narón que pasan pola súa consulta e por calquera persoa que se achega a ela.