Minuto de silencio no Monumento á Muller no Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Publicado o 25 de Novembro de 2020
Minuto de silencio no Monumento á Muller no Día Internacional contra a violencia de xénero

O programa de actos incluíu tamén a Marcha Ciclista Virtual e unha ofrenda floral na Praza da Gándara

 

 

O Concello celebrou hoxe os actos centrais do programa do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero. Ás doce do mediodía representantes da corporación local, coa alcaldesa, Marián Ferreiro, á fronte, gardaron un minuto de silencio na Praza da Gándara en recordo das vítimas de violencia de xénero, entre elas as 41 mulleres no que vai deste ano, e portando unha pancarta co lema “Narón contra as violencias”. A continuación a rexedora local realizou en representación do Concello unha ofrenda floral fronte ao Monumento á Muller, tamén na Praza da Gándara.

Aos actos tan só acudiu, debido á actual situación sanitaria, unha representación da corporación local, concretamente de Terra Galega, PSOE e BNG. Ferreiro incidiu na importancia de “continuar traballando xuntos, dende as administracións e coa cidadanía en xeral para erradicar esta lacra social” e condenou publicamente “calquera manifestación de violencia”. “Corenta e unha mulleres, dúas delas en Galicia, foron asasinadas este mesmo ano e das que segundo datos do Ministerio de Igualdade tan só seis tiñan rexistrada unha denuncia previa contra a súa parella ou exparella”, recordou.

O programa de actos incluíu tamén hoxe a Marcha ciclista virtual na que participaron alumnas e alumnos de quinto e sexto de Primaria de centros de ensino de Narón. En bicicletas estáticas realizaron un percorrido dunha hora que discurría polos colexios e remataba no Monumento á Muller e no traxecto ían respostando a unha serie de preguntas sobre feminismo, do xogo “Quen é quen?”.

Así mesmo, esta noite iluminaranse de cor malva, con motivo do 25N, a fachada do Pazo da Cultura e a rotonda de Freixeiro, contribuíndo así a dar maior visibilidade a esta data e ao que representa de cara á sociedade.

Finalmente, este venres o Café Teatro do Pazo da Cultura presentarase ante a comunidade educativa de Narón o “I Plan de Igualdade Intercentros de Ensino do Concello de Narón” nun acto ao que acudirán directoras e directores de centros de ensino da cidade.

O Concello manterá aberta ata o luns na Biblioteca municipal a exposición “A violencia contra as mulleres e as nenas”, na que hai máis de medio centenar de libros dunha mesma temática, a violencia machista. Ademais, pódese ver no Facebook do Concello e da Concellería de Igualdade o vídeo realizado con motivo do 25N e no que participaron integrantes do Consello Sectorial de Igualdade.