Despois da ofrenda floral conmemorativa do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero que tivo lugar o pasado 10 de decembro no Monumento á Muller, na nosa Praza da Gándara, o Concello ven de facer público o seguinte Manifesto:
A violencia de xénero é todo tipo de violencia exercida contra as mulleres polo feito de selo. Esta violencia é consecuencia da posición da muller nunha educación patriarcal, subordinada ao varón e carente de plenos dereitos como persoa e que ten a súa manifestación en todos os ámbitos, tanto no público coma no privado, o que en si mesmo constitúe un atentado contra os Dereitos Humanos.
Debemos ter claro que a violencia non desaparecerá mentres exista unha relación desigual entre homes e mulleres. É imprescindible actuar na educación da xuventude, non só na escola senón tamén no ámbito familiar e social. A violencia de xénero desaparecerá cando no corazón e na cabeza dos nosos nenos e das nosas nenas, dos homes e das mulleres, desaparezan as xustificacións, mentiras e mitos que historicamente defenden a superioridade dos homes sobre as mulleres.
Cando se acepte que as mulleres poden parir fillos e fillas pero que tamén poden parir ideas, cando se recoñeza a súa intelixencia e tamén cando se recoñezan os seus dereitos, entón as mulleres poderán mandar en si mesmas e terá chegado a tan esperada paridade.
O Concello de Narón como administración vén loitando e ten a obriga de seguilo facendo en contra da violencia de xénero e pola igualdade entre homes e mulleres. É por este motivo que está a traballar na elaboración do II Plan de Igualdade, pensado como instrumento para acadar a paridade, así como na redacción dun protocolo de detección e intervención en materia de violencia de xénero, que coordine todos os axentes e recursos existentes co obxecto de facilitar unha actuación máis eficaz, na que se teñan en conta os distintos tipos de violencia de xénero e o seu impacto en todos os ciclos vitais das mulleres.
Desgraciadamente, este ano 2012, Narón foi o escenario de dúas mortes por violencia de xénero, as vítimas, Iria e Marisol, deixan en evidencia a realidade do que está a acontecer diariamente coas mulleres na nosa sociedade, o que debe ser motivo dabondo para a reflexión e actuación a todos os niveis.
As mulleres seguen morrendo, seguen sufrindo agresións físicas e psicolóxicas, nun inferno do que é moi difícil escapar. As mulleres no noso país teñen cada vez máis dificultades para exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos ou conciliar a vida familiar e laboral. E mentres esta situación encadea cada vez máis a moitas mulleres a unha vida presidida polo mal trato, o presuposto do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia para a prevención integral da violencia de xénero redúcese cada vez máis. Nos orzamentos de 2013 o goberno do Estado recorta un millón de euros os programas de asistencia social para mulleres vítimas e menores expostos a violencia machista.
O Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial xa fixo unha seria advertencia: “Eses recortes son responsables de que moitas mulleres retiren a denuncia contra o seu maltratador ao atopárense nunha situación de desprotección tras presentalas”. As políticas dos recortes en prevención, sensibilización e protección das mulleres e das súas fillas e fillos, están a poñer en situación de grave risco a moitas mulleres.
Con este manifesto queremos instar á sociedade de Narón a que se implique na loita contra a violencia de xénero, animamos a que calquera maltrato sexa denunciado, todas e todos debemos colaborar e pedirmos á xustiza que protexa as mulleres maltratadas para que non teñan que vivir con medo e arriscando a súa vida a mans dun maltratador.
Por todas as mulleres, polas que xa non están e, sen dúbida, polas que están sendo violentadas por homes que se cren superiores e máis fortes, debemos seguir traballando en prol da igualdade.
O Concello de Narón condena contundentemente a violencia de xénero en calquera das súas formas, xa sexa de modo explícito ou de forma encuberta. O Concello de Narón manifesta o seu apoio ás mulleres naronesas ou a calquera muller independentemente da súa procedencia.
O Concello de Narón reitera o seu compromiso a seguir loitando contra a violencia de xénero e en prol da igualdade.
Rematamos cunha conclusión do Foro Mundial contra a Violencia; Valencia 2000: “Se nos comprometemos hoxe, todos unidos a crear un mundo libre de violencia contra as mulleres e nenas lograremos deter o crime máis universal e impune de todos: a violencia física, emocional, económica e sexual que se comete contra a metade da poboación do planeta”