Máis de 500 escolares de Narón participan nunha Marcha Ciclista pola Igualdade

Publicado o 25 de Novembro de 2014

Arredor de 500 escolares de 5º e 6º de Educación Primaria dos colexios de Narón participaron hoxe na Marcha Ciclista pola Igualdade, promovida polo Concello de Narón con motivo da celebración do 25 de Novembro, Día Internacional para a erradicación da Violencia de Xénero.

O alumnado partiu dos seus centros en dirección á Praza da Gándara, onde se desenvolveu un acto institucional no que participaron o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio.

A edil foi a encargada de dar lectura á Moción aprobada polo Pleno do Concello de Narón na que se condena a violencia machista e se reclama ás institucións autonómica e central que amplíen e melloren a atención ás vítimas de violencia de xénero, e a sinatura dun pacto político e social para abordar a violencia de xénero, coa participación de todos os axentes implicados neste problema de estado.

Tamén o Alcalde de Narón dirixiuse ós escolares para lembrarlles a importancia da educación en igualdade, e que homes e mulleres somos iguales e temos os mesmos dereitos. A continuación, os representantes municipais realizaron unha ofrenda floral diante do Monumento á Muller.

A Marcha Ciclista pola Igualdade contou coa colaboración do equipo de Seguridade Vial do Concello, Emerxencias Narón e Protección Civil, ademáis de voluntarios do Motoclub Fojeteiros, Club Ciclista Benigym, MTB Escornaboys, e as ANPAS do Colexio Ayala e Colexio Santiago Apostol.

   
Attachment Size
15 10 14 MOCION DO GRUPO DE GOBERNO PARA O 25 DE NOVEMBRO CONTRA A VIOLENCIA DE XENERO.doc 20 KB