A praza da Gándara acollerá hoxe unha “performance” organizada en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O Concello desenvolve este mes un obradoiro en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que terá hoxe o seu broche final cunha performance programada na praza da Gándara ás 12.30 horas. A edil de Benestar Social, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha proposta centrada na sensibilización sobre a sustentabilidade vencellada coa auga.
O pasado 13 de abril levouse a cabo unha sesión teórica na que se incidiu na importancia da auga como dereito humano fundamental e como un recurso que precisa protección. A pasada semana, o día 20, houbo unha segunda sesión e hoxe terá lugar a última de algo máis de catro horas e destinada, tal e como indicou a edil, á capacitación das persoas asistentes no potencial da performance para a transformación social, dinamizados por unha profesional das artes escénicas.
Na performance da praza da Gándara participará un grupo de doce mulleres da cidade, de entre 30 e 57 anos e que están asistindo ao obradoiro “Apodérate” na Casa da Mocidade. Este obradoiro ten como obxectivo promover a inclusión social e o empoderamento de mulleres.