Éxito do Obradoiro de Cociña Saudable

Publicado o 07 de Febreiro de 2013

Un total de 32 homes participaron no Obradoiro de Cociña Saudable promovido pola Concellería de Igualdade do Concello de Narón 

A Concelleira de Igualdade de Narón, Teresa Sabio, entregará maña venres dia 8 de febreiro, os diplomas correspondentes ó Obradoiro de Cociña Saudable dirixido a homes, no que participaron un total de 32 persoas.

Os obxectivos principais deste obradoiro foron:

  • a aprendizaxe de diferentes técnicas, habilidades e destrezas no eido da cociña,
  • o coñecemento dos produtos máis saudables,
  • as cantidades que deben tomar as persoas maiores,
  • e a promoción do ámbito comunitario do Concello coma un espazo realmente corresponsable.

Os obradoiros realizáronse nos centros comunitarios, e tiveron unha duración de 24 horas divididas en seis xornadas, celebrándose as clases os venres e sábados en horario de tarde (de 16:30 a 20:30 horas).

Ó longo das clases, os alumnos aprenderon a elaborar receitas saudables e sinxelas, así como a manipular alimentos e útiles de cociña, limpeza doméstica, organización da compra, técnicas de preparación de alimentos, e a elaboración dun menú.

O Obradoiro de Cociña Saudable forma parte do Programa de atención ás Persoas Maiores, e concíbese coma unha estratexia que fomenta a educación para a saúde entre os homes maiores. Así, a través de propostas coma ésta, achegáronse ós asistentes conceptos e coñecementos elementais sobre nutrición, para que poidan ser utilizados e aplicados á vida cotiá. Ó mesmo tempo, conciénciase á poboación do papel da alimentación na saúde e prevención das enfermidades, tanto físicas coma psicolóxicas.