Entrega de diplomas en 3 accións formativas

Publicado o 18 de Xullo de 2019

Estas formacións pertencen ao II Plan Municipal de Igualdade

 

 

O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, entregaron esta mañá os diplomas de fin de curso de tres actividades educativas dirixidas a mulleres e enmarcadas no II Plan Municipal de Igualdade.

Unha trintena de mulleres recibiron no Concello os diplomas correspondentes aos cursos de Igualdade por medio da educación, Iniciación á confección e Integración e xestión familiar, iniciados o pasado mes de outubro e que remataron a finais de xuño. 

As alumnas destas accións formativas eran veciñas de Narón, desempregadas e maiores de 18 anos. En canto aos cursos, o de Igualdade por medio da educación, que se impartiu na Casa da Mocidade, rematárono sete mulleres; outras tantas finalizaron o de Integración e xestión familiar que tivo lugar no colexio de San Mateo e na Casa da Mocidade e trece mulleres realizaron o de Iniciación á confección, que se impartiu no Centro Municipal de Formación Irmáns Froilaz.

Na súa intervención, os representantes do goberno local felicitaron ás alumnas dos tres cursos e animáronas a continuar formándose a través das diferentes accións que se convocan dende o Concello nesta área ao longo do ano.