O Alcalde e a Concelleira de Igualdade entregan os diplomas ós 22 homes que participaron neste curso
O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, entregaron recentemente os 22 diplomas correspondentes ó “Obradoiro de corresponsabilidade na cociña”, que tivo lugar no Centro Comunitario “Casas da Mariña” e no Centro Comunitario “Manuela Pérez Sequeiros”, no mes de decembro de 2013 e cunha duración total de 48 horas.
Este obradoiro estivo dirixido exclusivamente a homes, e foi impartido por profesores de cociña, os cales ensináronlles a elaborar diferentes menús e a comprar os produtos necesarios para a súa preparación. Os alumnos axudaron no proceso de creación destes pratos, e tomaron nota durante as sesións para lembrar todo o aprendido. Ó finalizar cada clase, degustáronse os menús preparados para a ocasión.
O “Obradoiro de corresponsabilidade na cociña” estivo organizado pola Concellería de Igualdade de Narón, para fomentar a corresponsabilidade nas tarefas domésticas, implicar ó home na alimentación da unidade familiar e impulsar varóns autónomos e independentes.
A través de programas coma éste, preténdese romper estereotipos sexistas e fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Tamén é útil para que os homes se inicien na cociña básica e de base popular, aprendan diferentes receitas e trucos de cociña, fomenten a conciliación da vida laboral e familiar, e desenvolvan a súa autosuficiencia nas tarefas domésticas.