O Concello programa varios actos para conmemorar o 8 de marzo
A concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, presentou os actos programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo.
As actividades comezarán na xornada do día 8, coa tradicional homenaxe á “Muller do Ano 2016” que se celebrará a partir das 12.00 horas no Concello. “É un acto sorpresa, no que a homenaxeada descoñece que vai obter este nomeamento. Intentamos que nesta iniciativa se vexan tamén reflectidas todas aquelas mulleres que merecerían un recoñecemento deste tipo”, explicou a edil.
O mesmo Día da Muller, ás 17.00 horas retomaranse os actos conmemorativos cunha solta de globos en prol da Igualdade –cada un deles levará unha mensaxe relativa a este tema- na Praza de Galicia.
A segunda das citas do programa será o día 10 de marzo. Nesta ocasión rendirase unha homenaxe póstuma á exedil naronesa Manuela Pérez Sequeiros (Terra Galega), no Centro Comunitario que leva o seu nome, a partir das 12.30 horas.
O día 11 celebrarase a tradicional Cea da Muller, a partir das 21.30 horas, unha cita na que ano tras ano se reúnen nun restaurante local –en Casa Becerra, en San Xiao- varias mulleres e no transcurso da cal se fará unha homenaxe pública á “Muller do Ano 2016”. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a partir de mañá (ata o día 9 de marzo), abonando o prezo da cea, 20 euros, no número de conta ES30-0182-4590-11-0010024250 (BBVA) ou adquirindo o ticket no restaurante Casa Becerra. No caso de facer o ingreso bancario, unha vez realizado o pago deberán presentarse co xustificante no primeiro andar do Concello, onde o canxearán pola entrada.
As actividades para conmemorar o Día Internacional das Mulleres continuarán os días 18 e 29 de febreiro con actividades sobre “saúde en feminino”, apuntou a edil. Na primeira das xornadas o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acollerá un Obradoiro de saúde sobre o “Virus do papiloma humano”, a partir das 18.00 horas, e o día 29 desenvolverase ese mesmo obradoiro no IES As Telleiras, a partir das 16.30 horas. A última das citas programadas polo Concello con motivo do 8 de marzo é unha charla sobre “Saúde cardiovascular feminina”, tamén no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e que dará comezo o 1 de abril ás 18.30 horas.
A edil de Igualdade animou á veciñanza a participar nestes actos co fin de contribuír “á reivindicación da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na sociedade”.