Reunión coas asociacións para organizar os actos conmemorativos
A concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, mantivo unha reunión no Concello con representantes de varias asociacións co fin de organizar os actos que se desenvolverán na localidade con motivo do Día Internacional da Diversidade Funcional, que se conmemora o vindeiro 3 de decembro.
Sabio estivo acompañada por integrantes das directivas de Aspanaes, Nuestra Señora de Chamorro, Teima Síndrome de Down, Cogami e a Asociación de Persoas Xordas. A edil naronesa recordou que ao longo do ano se convocan varias accións con estas entidades co fin de “intentar dar máis visibilidade ao colectivo e contribuír na medida do posible á defensa dos seus dereitos”.
Teresa Sabio avanzou que de cara ao próximo mes de decembro se programarán varias actividades dirixidas a persoas de diferentes idades coas que se buscará a implicación das diferentes asociacións e da veciñanza.
Obradoiros, teatro e música, protagonizados polos usuarios destas entidades en moitos dos casos, non faltarán entre os actos a desenvolver. Teresa Sabio apuntou que proximamente se anunciará a data na que se desenvolverá o programa para conmemorar o Día Internacional da Diversidade Funcional e agradeceu o traballo realizado por estas entidades e a súa disposición a colaborar nos actos que se programan desde o Concello.