O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, encabezaron a concentración na porta principal do Concello.
Esta concentración celebrada no Concello organizouse para condenar os últimos asasinatos machistas.
Ao acto asistiron tamén os portavoces de Terra Galega, Marián Ferreiro; Partido Popular, Marcos Balado e PSOE, Catalina García, así como varios edís da corporación municipal, persoal funcionario e interino.
Na parroquia pontevedresa de Pontesampaio o pasado sábado un home de 34 anos asasinou á súa exparella, Concepción Reguera, de 38 anos.
Nesa mesma xornada rexistrouse un novo caso de violencia machista, en Fuengirola (Málaga), onde un home de 36 anos matou supostamente á súa parella, unha muller da misma idade.
A estes dous casos sumouse un terceiro a semana pasada, o xoves, nesa ocasión en Tenerife, onde morreu outra muller vítima dun presunto caso de violencia machista a mans da súa exparella.
A corporación local naronesa manifestou na concentración, na que se gardou un minuto de silencio, a súa repulsa a calquera acto de violencia e, en particular nesta ocasión, á machista, unha lacra social que causou a morte de máis de trinta mulleres en España no que vai deste ano.