Concentración en repulsa pola violencia de xénero e polo crime de Caridad Pérez
Representantes dos grupos políticos da corporación local, funcionarios, persoal laboral e veciños e veciñas de Narón participaron na concentración celebrada esta mañá para condenar os actos de violencia de xénero e en recordo dunha das vítimas desta lacra social, Caridad Pérez, veciña da parroquia do Couto asasinada o pasado 29 de decembro e cuxo home foi detido pola súa presunta implicación no crime.
Os asistentes gardaron tres minutos de silencio ás portas do Concello a partir das doce do mediodía como medida de repusa e en sinal de duelo.
O rexedor local condenou calquera manifestación de violencia, en particular nesta ocasión a de xénero, e incidiu en que Narón “é unha cidade habitualmente tranquila, polo que o feito de que sucedan estas cousas nos deixa, se cabe, aínda máis perplexos”.
Blanco lamentou o suceso e subliñou a necesidade de “concienciar á sociedade para que se decate de que isto non pode seguir deste xeito e ás autoridades de que teñen que tomar máis medidas aínda para que isto non se repita”. Ao tempo o alcalde destacou a importancia de “deixar que a xustiza actúe, que é canto podemos pedir”.