Ana Belén Seoane | Mulleres de Narón

Publicado o 23 de Abril de 2013

Mulleres de Narón vaivos ir presentando a diferentes mulleres de Narón, que teñen cousas que contar sobre a súa vida, profesional e personal, sobre a igualdade no traballo, o emprendemento feminino...

Hoxe estivemos falando con Ana Belén Seoane Abad, fotógrafa residente en Narón con estudo propio en Xuvia.

  • Igualdade: Cóntanos un pouco quen é Belén...
  • Belén Seoane: Belén é unha muller emprendedora, loitadora, optimista, nai, esposa, ama de casa, boa cociñeira...e fotógrafa divertida.
  • Igualdade: Que é Lux?
  • BS: Lux é un estudo de fotografía diferente, onde non facemos poses publicitarias, ou de calendario, aínda que se as teño que facer as fago...é un estudo onde facemos fotos que reflexen a personalidade do modelo, captamos o momento, ese xesto, ese sorriso...En ocasións cumplrimos sonos, reflexándoos en fotos.
  • Igualdade: Lux está en Xuvia, por que escolliches Narón para o teu negocio?
  • BS: A zona foi moi meditada. Primeiro, había carencia de fotógrafos na zona; segundo, está preto a miña casa e o colexio do meu fillo; e terceiro, están preto varios colexios, un instituto, un xulgado e unha autoescola.
  • Igualdade: Como te definirías como profesional?
  • BS: Defínome como de pensamento libre, moi seria, dedicada ao meu traballo e segura de min mesma. Teño un estilo propio, aínda que o comercio marca en moitas ocasións o estilo en función dos costumes. Gústame o lado artístico da fotografía. Á xente de Narón lle gustan os retos, as cousas diferentes, as novedades día a día. En Lux, podes atopar fotografía artística, cunha mistura do artificial totalmente integrado no natural, podes atopar unha fotografía de conto ou outra máis moderna... Non nos centramos só nos fondos de estudo, brancos ou de cores, adaptamos o fondo ao modelo e non ao contrario. En Lux facemos fotos ata en lousa, personalizamos as túas ideas. Non nos limitamos á sesión de estudo, saímos a exteriores aproveitando as nosas paisaxes naturais para facer instantáneas simpáticas e cheas de ledicia, momentos en ocasións irrepetibles.
  • Igualdade: Fálanos da túa traxectoria como fotógrafa.
  • BS: Comezo na fotografía no ano 1987, trala chegada á miña casa despois de 35 anos dunha irmá do meu pai que estaba na Arxentina, ela traía lembranzas tanto fotográficas como videográficas da nosa "non coñecida" familia de alí. A miña familia que só tiña unha Werlisa de 35 mm, e unha cámara Pannasonic de 8mm comezou a gravar e fotografiar a estancia da miña tía aquí e a toda a nosa familia, para que ela nos dera a coñecer no outro lado do oceáno. A afección viña do meu padriño, irmán do meu pau, que xa andara moito polo mundo e xa fixera a gravación de momentos da miña primeira comunión cunha cámara de Super 8mm. No ano 1988, comezo como colaboradora na Televisión de Narón, interesándome aínda máis pola fotografía, introducíndoa xunto co video en pequenos ordenadores (Commodore 64). Comeza relamente aquí a miña paixón pola fotografía. A miña primeira cámara foi unha Minolta 35 mm réflex. Sen estudos, esforceime en aprender como era o funcionamento daquel ollo que prolongaba ao meu, e comprendín que gracias a el tiña a capacidade de ver as cousas dun xeito diferente e de deixalas reflexadas como tal.
  • Igualdade: Que te empurrou a comezar a aventura como emprendedora á fronte de Lux? Que dificultades atopaches?
  • BS: A miña decisión de comezar a aventura como empresaria foi traballar para outras persoas (fotógrafos da zona, de Lugo, As Pontes) neste eido durante polo menos 20 anos. O matrimonio e a enfermidade do meu marido, fixéronme pensar seriamente en poñer o estudo para adiantarme aos acontecementos, no caso de que el non poidera seguir co seu emprego. Con 21 anos, despois de deixar a televisión, decidín lanzarme. Non tiven moitas dificultades, cousa que me sorprendeu, aínda que si podo comentar que a primeira delas foi a miña edade, e a segunda, foi precisamente, ser muller.
  • Igualdade: O mundo da fotografía, pensas que é un mundo machista?
  • BS: A discriminación, como xa dixen antes, atopeina no meu camiño, si, pero non entre os meus compañeiros e colegas de traballo: entre os meus clientes. Sorprendíame moito que alguén que te contrataba un traballo, preguntaba se era eu quen o ía facer, e ao respostar que si, preguntaban se non tiña ningún home que poidera facer o traballo. O mundo en xeral, aínda que non o notemos é machista. Por que? É moi sinxelo, porque hai mulleres machistas que seguen pensando que é o home o que manda.
  • Igualdade: Que obxectivos tiñas ao comezo de crear Lux?
  • BS: O meu obxectivo  era o de ofrecer novas ideas de fotografía pola zona, e actualizar o mercado fotográfico, non só en materia de impresión senón no xeito de facer as instantáneas. Os obxectivos cumpríronse con fartura, pero aínda queda moito por ofrecer.
  • Igualdade: Cales foron os momentos máis duros e os momentos máis bonitos da túa andaina?
  • BS: Os máis duros...bufff...case é inconfesable: a perda de material e ter que dar a cara humildemente, e que non todo o mundo reacciona ben, nin te perdoa...nunca pensei en deixalo. O momento máis bonito foi nunha voda, na que a nai da noiva quedara había ben pouco viúva e ese día estaba de aniversario. A noiva, súa filla, depois de repartir os agasallos aos convidados, antes do baile nupcial, regaloulle un ramo de rosas vermellas e cantoulle unha canción. Nese momento emocioneime como persoa, pero seguín facendo o meu traballo. Elas, alleas a min, seguiron coa celebración. Cando viñeron a ver as fotografías e viron rexistrado aquel momento tan emotivo na miña reportaxe, abrazáronme agradecéndomo e volvéronme facer chorar! Hoxe son os meus amigos, como outros moitos clientes.
  • Igualdade: Recomendacións para as mulleres de Narón que queiran emprender.
  • BS: Pensar ben o como e onde, ter aforros para gastos primordiais, e traballar...traballar moi duro. Tenlles que gustar o que fan, non poden mirar o reloxo para ir á casa, hai que facer o traballo como se fora para unha mesma.