A alcaldesa en funcións da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira en funcións de Igualdade, Mar Gómez, participaron na xornada do luns no Encontro da I Rede de Centros de Perrucaría e Estética fronte á violencia de xénero.
Á convocatoria, enmarcada na campaña “A Igualdade polos pelos” asistiron unha decena de representantes destes establecementos na cidade e desenvolveuse entre as 17.00 e as 19.00 horas no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.
Ferreiro agradeceu a colaboración de todos os centros de perrucaría e estética que se sumaron a esta iniciativa, concebida para sensibilizar, previr e difundir recursos e prestacións existentes en materia de violencia de xénero. “Sodes unha parte fundamental da nosa sociedade, polo voso contacto directo coa cidadanía, para seguir avanzando na loita contra esta lacra social, nalgúns casos lamentablemente silenciada polo medo a denunciar das propias vítimas e que precisa de todo o noso apoio de cara á súa necesaria erradicación”, subliñou a alcaldesa.
Ente as finalidades desta campaña está a creación dunha rede de espazos aliados contra a violencia de xénero, que continuarán difundindo material relativo á mesma, un labor que tamén quixo agradecerlles persoalmente Ferreiro a todos os centros implicados.
A campaña informativa, que consistiu nunha parte de formación grupal e outra de asesoramento individualizado, levouse a cabo en máis dunha trintena de centros, se ben se visitaron uns setenta localizados no termo municipal.
A campaña “A igualdade polos pelos” está financiada con fondos do Pacto do Estado e as accións programadas con cargo á mesma estendéronse dende marzo ata este mes de xuño, co obxectivo de poder darlle continuidade á rede xerada en vindeiras edicións.